Beatriz Domínguez: “reclamamos a devolución dos cartos pagados sen xustificación legal ao señor Dafonte, que xa ascenden a 72.000 €, e esiximos tamén unha explicación do bipartito de PP e Somos Trazo, pois ambos estaban no Goberno que permitiu este despilfarro”
Os socialistas amosan a súa sorpresa polos máis de 29.000 euros gastados en xantares nun único establecemento hostaleiro de Trazo
A Agrupación Socialista de Trazo denuncia que o Concello autorizou e pagou dietas de desprazamento e manutención ao ex alcalde do PP por supostas viaxes de traballo a Santiago ou A Coruña cando tamén autorizou e pagou facturas por un importe de case 7.000 euros noutros restaurantes de Trazo e outros puntos de Galicia ese mesmo día e a esa mesma hora. Así se comproba ao cruzar a documentación achegada polo Concello de Trazo ao Xulgado para tratar de xustificar as dietas cobradas por Xosé Dafonte, coas facturas pagadas polo Goberno do PP a establecementos hostaleiros entre 2015 e 2017.
A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, explica que “o Concello pagou ata 49 veces por duplicado ao señor Dafonte, ata sumar un total de 6.965 euros de sobrecusto para as arcas municipais. Sabemos que dende o Goberno de PP e Somos Trazo volverán a dar a calada por resposta ou a dicir que foi un erro puntual, pero é que foron 49 erros puntuais que se unen a máis dun cento de mariscadas e sobremesas con bebidas alcohólicas abonadas sen ningún tipo de xustificación legal”.
Máis de 29.000 euros nun local de Trazo
Vinte e cinco desas facturas, por un importe de 4.037 euros, teñen a súa orixe nun mesmo establecemento hostaleiro de Trazo, que entre 2014 e 2019 presentoulle ao Concello un total de 164 facturas por un montante de 29.738 euros. “Non criticamos que se faga gasto nun establecemento de Trazo, o que criticamos é que se estean pagando as paparotas do alcalde con cargo aos orzamentos municipais. Se quere ir xantar fora da casa, que o pague do seu peto, non cos cartos dos veciños e veciñas de Trazo”, sinala Beatriz Domínguez.
Os 2.928 euros restantes correspóndense con 24 comidas entre os anos 2015 e 2017 en restaurantes por toda Galicia. Así, danse casos como os do 11 de xaneiro e o 3 de febreiro de 2017, nos que o Concello pagou sendas dietas por supostas reunións de traballo na Xefatura Territorial de Industria de A Coruña e na Secretaría Xeral de Urbanismo de Santiago cando o alcalde estaba xantando nunha marisquería do Grove, a 155 e 85 km de distancia, respectivamente.
Case 72.000 euros sen xustificación legal
Estes 29.738 euros gastados 164 comidas nun establecemento hostaleiro de Trazo súmanse aos 12.000 euros pagados en máis dun cento de mariscadas e sobremesas con bebidas alcohólicas sen ningún tipo de xustificación legal denunciados o pasado mes de novembro pola Agrupación Socialista de Trazo e aos case 30.000 euros cobrados polo ex alcalde popular Xosé Dafonte en dietas sen xustificar entre os anos 2014 e 2017, que deron lugar orixinalmente ao procedemento xudicial aberto no Xulgado de Ordes.
“Reclamamos a devolución dos cartos pagados polo Concello sen xustificación legal ao señor Dafonte, que xa ascenden a 72.000 euros, e esiximos tamén unha explicación oficial por parte do bipartito de PP e Somos Trazo deste saqueo das arcas municipais do Concello de Trazo. Nin a alcaldesa nin o tenente de alcaldesa poden seguir mirando cara outro lado pois ambos estaban no Goberno que permitiu este despilfarro e porque a persoa que tiña que fiscalizar todo isto e advertir das irregularidades continúa á fronte da Secretaría-Intervención do Concello de Trazo”, apunta a voceira municipal socialista.
Gastos sen xustificar
Segundo a documentación que consta nos arquivos do Concello de Trazo, o ex alcalde entregaba albaráns, tickets e, poucas veces, facturas coas comidas. Uns gastos que se anotaban nun listado e que acto seguido abonaba o Concello a través dun decreto de aprobación de gasto, sen que fose acompañado de ningún tipo de xustificación da viaxe protocolaria ou institucional que obrigase ao seu pago.
De feito, a gran maioría dos tickets presentados nin sequera teñen un formato legalmente recoñecido, xa que non figuran nin os datos máis básicos (nome, NIF e dirección do provedor) e a moitas delas se lles poñen datas posteriores á súa emisión e, incluso, se rectifican a bolígrafo. Unhas irregularidades que eran ignoradas pola secretaria-interventora do Concello de Trazo.
Nestes momentos, o Xulgado de Ordes está a desenvolver un procedemento xudicial polos presuntos delitos de falsidade documental e administración desleal do patrimonio público (malversación) contra o ex alcalde de Trazo, Xosé Dafonte Varela, e a secretaria interventora de Trazo, María José Nartallo Penas. Un procedemento aberto a raíz dos case 30.000 euros cobrados polo ex alcalde popular en dietas sen xustificar entre os anos 2014 e 2017.
Este procedemento foi ampliado en febreiro de 2019, diante dos serios indicios atopados de que o expediente administrativo entregado polo Concello de Trazo no Xulgado fora creado e remitido nas datas que foi requirido (novembro de 2018) xa que non existía ningún expediente na data dos feitos (é dicir, entre os anos 2014 e 2017). A raíz da análise das facturas aboadas polo Concello de Trazo a establecementos hostaleiros entre 2015 e 2017, a Agrupación Socialista de Trazo foi engadindo máis documentación ao caso ata sumar case 72.000 euros sen xustificar legalmente.