HomeA CoruñaO segundo dos "Foros da Veiga" analiza este venres en Naraío a...

O segundo dos “Foros da Veiga” analiza este venres en Naraío a historia do Reino de Galiza con Francisco Rodríguez Sánchez

- Anuncio -spot_img

O local social de Naraío volverá ser este venres, último de mes, lugar de coñecemento e debate nunha nova edición dos Foros da Veiga. A Asociación Veciñal O Castelo convidou a esta segunda sesión do ciclo de conferencias a Francisco Rodríguez Sánchez, doutor en Filoloxía, crítico literario e historiador, quen ofrecerá un relatorio centrado na realidade, importancia e evolución do Reino de Galiza. O encontro, que comezará ás 20:00h, pretende reivindicar as claves políticas e identitarias dunha institución ocultada ou esquecida a mantenta pola historia e o ensino que, porén, é fundamental para entender a nosa realidade actual.

A xornada porá o foco nunha das etapas máis silenciadas pola historiografía oficial dos últimos séculos. Malia que a imaxe tradicional de España se construíu sobre a hexemonía de Castela, os datos históricos e documentais confirman que o Reino de Galiza tivo unha existencia consolidada e recoñecida internacionalmente moito antes de que outras entidades políticas peninsulares comezasen a debuxarse.

Tal é así que a orixe desta estrutura política se remonta ao ano 411 coa chegada dos suevos, que estableceron en Galicia o primeiro reino medieval de Europa con administración e moeda propias. Mentres que o Reino de Castela non aparecería como tal ata ben entrado o século XI, Galicia xa funcionaba como unha unidade política recoñecida pola Santa Sé e polas chancelerías europeas da Alta Idade Media, cunha extensión que nalgúns períodos abranguía boa parte do noroeste peninsular.

Rodríguez Sánchez abordará a maneira en que este legado “foi deliberadamente ocultado ou minimizado por un relato académico centrado nunha visión españolista que presentou a Galicia como unha provincia periférica de Castela, ignorando que o noso país mantivo a súa denominación de Reino e as súas institucións propias ata o século XIX”, explican desde O Castelo de Narahío. Unha omisión que non foi casual, senón que respondeu “á necesidade de crear unha narrativa nacional española uniforme e centralizada”, engade o colectivo.

Durante a charla achegaranse datos e testemuños historiográficos que confirman esta realidade, da que tamén quedou constancia en numerosos documentos cartográficos e diplomáticos europeos de distintas épocas que situaban a “Gallaecia” como un referente político de primeira orde. A existencia de reis galegos -moitos deles soterrados no Panteón Real da Catedral de Santiago-, cortes propias e un dereito diferenciado “proban que a idea de España como unidade política indisoluble é unha construción moderna, moi posterior á realidade estatal que Galicia representou durante máis dun milenio”.

Esta segunda sesión dos “Foros da Veiga” convidaranos, segundo sinalan desde O Castelo de Narahío, “a desaprender moitos dos mitos herdados, co obxectivo de podermos reconstruír unha visión máis rigorosa e digna do noso pasado”. Será unha oportunidade única para escoitar a un dos máximos especialistas na materia e participar nun debate necesario sobre a nosa soberanía histórica. A cita é este venres, 27 de marzo, ás 20:00h no local social de Naraío.

Publicacións Relacionadas