O Concello xa está a traballar en diversos puntos dos barrios de Novo Mesoiro, O Castrillón, Os Rosales, Pescaría, Lonzas e Barrio das Flores, con intervencións de obra civil previas ás de acometida eléctrica
Ademais, o Concello actualizou a normativa de uso de BiciCoruña, co obxectivo de mellorar as prestacións do servizo e reforzar a seguridade viaria
A alcaldesa, Inés Rey, deu conta hoxe dos avances que está a experimentar a nova fase de expansión do servizo municipal BiciCoruña, que afronta os seus compases iniciais cos traballos preliminares en sete bases máis que se irán incorporando progresivamente ao servizo.
A día de hoxe, BiciCoruña conta con 49 estacións habilitadas. Rey lembrou que, tal e como se expuxo anteriormente, o obxectivo do Concello é incrementar este número a un total de 85, atendendo ás necesidades específicas dos barrios e tamén aos fluxos de mobilidade das persoas usuarias, o que tamén fai preciso intervir ou ampliar bases existentes cunha alta demanda.
Neste sentido, o persoal técnico da Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade, acompañado da empresa distribuidora de electricidade, concretou nestas últimas semanas os emprazamentos específicos destas sete novas bases, “un paso clave porque a escolla da súa ubicación atende a factores diversos como a existencia ou non de subministro eléctrico, se é necesario executar obras ou, polo contrario, se poden evitar, e, por suposto, se a base pode estar o máis próxima posible a un percorrido de carril-bici, para facilitar o acceso, saída e ancoraxe dos vehículos”, razoou a concelleira Noemí Díaz.
A este respecto, xa esta lista a obra civil en tres destas sete novas bases: a que estará situada no cruzamento entre a rúa Nova e San Andrés; a que dará servizo a Lonzas, entre a avenida do Ferrocarril e a praza Alcalde López Menéndez; e a que estaba prevista na rúa Ribeira Sacra, en Novo Mesoiro, que se convertirá na segunda base dispoñible no barrio. “Ao completar a obra, facilitamos que UFD realice a acometida eléctrica a posteriori”, precisou a concelleira.
En paralelo, avanzan os traballos de canalización noutra base da avenida de Novo Mesoiro e na que se ubicará na praza da Concordia, no barrio do Castrillón.
Ademais, xa están próximas a comezar as actuacións previstas na segunda base que se habilitará no Barrio das Flores (a carón do polideportivo municipal) e nos Rosales, que contará cunha nova estación preto do Centro Municipal de Emprego, na estrada dos Fortes.
O obxectivo, tal e como apuntou Noemí Díaz, é que as intervencións de acometida eléctrica —previas á posta en rúa das bases e da activación das mesmas— se vaian concretando ao longo do mes de maio, “para habilitar máis estacións de BiciCoruña nas vindeiras semanas”.
BiciCoruña incorporará nas vindeiras semanas 300 novas bicicletas eléctricas
Inés Rey lembrou hoxe que, tal e como se informou a mediados de abril, o Concello aproveitará esta nova quenda de ampliación de BiciCoruña para ampliar a frota de vehículos dispoñible, sumando outras 300 bicicletas eléctricas, necesarias para dar resposta á demanda xa existente.
Ademais, a rexedora incidiu en que a expansión prevista chegará progresivamente a barrios como Xuxán, Palavea ou Visma, que contarán así coas súas primeiras bases do servizo.
O servizo actualiza as súas normas de uso para reforzar a seguridade viaria
Ademais, o consello de EMVSA aprobou unha actualización da súa normativa de uso, adaptándoa co obxectivo de mellorar as prestacións do servizo e atendendo á experiencia colleitada desde a renovación do servizo, hai case tres anos.
Con 1,3 millóns de usos rexistrado só o ano pasado, récord do servizo, “faise necesario actualizar as normas vixentes, precisando máis aspectos fundamentais como o coidado dos vehículos por parte das persoas usuarias e tamén cales son as súas obrigas e responsabilidades á hora de moverse pola Coruña, porque as bicicletas, ao igual que pasa cos automóbiles e os autobuses, forman parte da mobilidade da cidade, na que cómpre lembrar que as e os viandantes teñen prioridade”, razoou Noemí Díaz.
A este respecto, a nova normativa especifica os pasos a seguir en caso de hurto, perda ou roubo dunha bicicleta de BiciCoruña, tamén en situacións de accidente. “E no caso de atropelos a viandantes, a persoa usuaria ten a obriga de deterse e chamar á Policía Local”, concretou a concelleira.
Ademais, a nova normativa de BiciCoruña concreta a prohibición de circular sobre a beirarrúa ou espazos peonís, a de subir a bicicleta a calquera outro medio de transporte, o uso de móbiles e/ou auriculares mentres se usa a bicicleta, e tamén o transporte doutras persoas, animais ou obxectos voluminosos que poidan danar o vehículo ou afectar á seguridade das persoas.
“A isto súmase a prohibición de obstruír a utilización da bicicleta por outra persoa usuaria”, advertiu Díaz, que fixo fincapé no traballo de concienciación que se está a desenvolver desde o Concello para evitar conductas incívicas ou que limiten o uso do servizo.
A este respecto, o réxime sancionador de penalizacións tamén se ten actualizado.