HomeA CoruñaO talento local de Ribeira, protagonista do Culturgal Expandido

O talento local de Ribeira, protagonista do Culturgal Expandido

- Anuncio -spot_img

 As distintas disciplinas artísticas vertebran a programación

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou hoxe na inauguración do Culturgal Expandido, que converte o Auditorio municipal en epicentro de difusión da cultura galega durante toda a xornada deste 25 de outubro e que se prolongará mañá, domingo 26. Fran Sieira, Quico Cadaval, Antonio Piñeiro, Nan Îllonia, Os Liantes, Lau Panicanela, Chus Blanco ou Susana Sampedro son algúns dos artistas e creadores locais que achegan o seu talento ao abeiro desta axenda. Artes escénicas, danza, videoxogos, literatura, audiovisual e música integran a programación con propostas para tódolos públicos.

Durante a apertura do evento, a rexedora enxalzou “o gran talento dos ribeirenses; un bo facer que ten garantía de presente e de futuro nas distintas disciplinas como podemos comprobar no programa e que son só unha mostra de todo o que teñen que aportar os nosos veciños á cultura. Se de algo pode presumir o noso municipio é de gozar dunha gran vitalidade cultural a través de profesionais, como os que temos presentes no Culturgal, como das asociacións culturais.

Nesta fin de semana, este Auditorio municipal latexa ao compás da música, dos pasos de danza, da palabra dita e escrita, das imaxes que narran unha historia. Ribeira convértese nestes días nun corazón que con cada latexo difunde a cultura galega, onde os ribeirenses son tamén protagonistas.”

Un acto ao que tamén asistiron a deputada provincial de Cultura, Natividade González; o presidente de Culturgal, Víctor López; o
primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño; a concelleira de Cultura, Ana Barreiro; o edil de Festexos, Fernando Abraldes; e demais membros da Corporación municipal.

Ademais, unha representación de artistas locais participará no escenario principal do Culturgal, en Pontevedra, nos días 28, 29 e 30 de novembro, converténdose Ribeira na convidada especial desta edición.

Programa de actos

O cartel comezou co obradoiro Mediación. Un baile ceibe en comunidade, con Fran Sieira, ás 10.00 horas, para dar paso, ás 12.00 horas, ao espectáculo infantil O lobo feliz, a cargo de Miguel Guido. Continúa co taller Pensa o teu guión de videoxogo, ás 13.00 horas, mentres que, xa pola tarde, toca asistir ao Club de lectura: Sarela, da man de Sonia Díaz e Marga Tojo, ás 17.00 horas.

A literatura prosegue cunha conversa de Ana Liste con Sandra Lodi e Laura Suárez, Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña, ás 18.00 horas.

Volven as artes escénicas con Federico Pérez Rey e Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), ás 19.00 horas, e tamén será momento de desfrutar da danza con Fran Sieira e Un baile ceibe en comunidade, ás 20.00 horas. E a proxección de O Apóstolo, de Fernando Cortizo, ás 21.00 horas, marcará o fin da xornada.

O domingo 26 arrancará coa función infantil Contamos contos de lobos?, ás 12.00 horas, con Ghazafellos. A rapazada terá tamén ocasión de desfrutar da música con O rap do coello fedello, de Irene Alonso Gasalla, ás 13.00 horas.
Ás 17.00 horas, desenvolverase simultaneamente o obradoiro Foley: sons do cinema, con Alba Pego, e o coloquio con Antonio Piñeiro, Irene Montero e Manuel Esteban, premiados do Cidade Centenaria de Ribeira, moderado por Chus Blanco.
Deseguido, ás 18.00 horas, Quico Cadaval achegará a sesión Fantasmas familiares, para poñer o broche de ouro coa música de Nan Îllonia, Os Liantes, Lau Panicanela, XeVA & Mon-O, con Susana Sampedro como mestra de cerimonia, ás 19.00 horas.

Agás para os obradoiros, a entrada é libre ata completar a capacidade dos diferentes espazos que conforman a instalación municipal.

Publicacións Relacionadas