A escola municipal de música Magariños, en colaboración co Concello de Brión, organiza o XIII Festival de Entroido, que terá lugar o mércores 11 e o venres 13 de febreiro. A principal novidade deste ano é que, xunto ás tradicionais exhibicións do alumnado da escola, haberá unha performance profesional que reinterpreta o ballet romántico “Giselle”.
Así, o mércores 11 de febreiro a sala Magariños da escola de música brionesa acollerá unha dobre sesión do alumnado do centro, que amosará o traballo desenvolto ao longo dos últimos meses a través dunhas interpretacións cheas de frescura e ilusión. Ás 17:00 horas será a quenda do alumnado de 1º a 3º de Música e Movemento; mentres que o de 4º e 5º actuarán ás 18:30 horas. A entrada é libre e de balde ata completar aforo.
E o venres 13 de febreiro, ás 19:00 horas, o salón de actos do centro social polivalente acollerá a posta en escena do proxecto Myrtha, un espectáculo que mestura danza, música e pintura. Por unha banda, o público brionés desfrutará dunha perfomance profesional que reinterpreta o ballet romático “Giselle”, a través da danza de Gloria García. A música correrá a cargo de Oliver Cano mentres que coa pintura en directo de Xabier Cano converterá esta peza do folclore europeo nunha experiencia multisensorial. Myrtha é un proxecto nado en 2025 en Ferrol e representa o vínculo entre tradición e innovación nas artes escénicas.
O XIII Festival de Entroido está organizado pola escola municipal de música Magariños, en colaboración co Concello de Brión, e conta co financiamento da Deputación da Coruña e da consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.



