O pavillón da Solaina será escenario este sábado, 27 de decembro, a partir das 9.30 horas, do XVI Torneo de Voleibol Cidade de Narón, unha cita xa clásica no calendario deportivo local que nesta edición reunirá a preto de 200 nenas e nenos de entre 6 e 11 anos, pertencentes ás categorías prebenxamín, benxamín, alevín e infantil.
No torneo participarán deportistas do Club de Voleibol Narón Volea, entidade organizadora, así como equipos convidados procedentes de Lugo, Pontedeume, Cervo e Ares, o que converte a xornada nun punto de encontro para a canteira do voleibol galego. En total, competirán 4 equipos femininos de benxamín, 10 de alevín e 12 de infantil, ademais de tres equipos de alevín masculino, nunha intensa xornada deportiva que se prolongará ao longo de todo o día.
O evento está organizado polo Club de Voleibol Narón Volea, coa colaboración do Padroado de Cultura do Concello de Narón e da Deputación da Coruña, entidades que apoian esta iniciativa dirixida á promoción do deporte de base e á difusión de hábitos de vida saudables entre a infancia.
Durante a presentación do torneo, o concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, destacou o crecemento sostido do voleibol no municipio, subliñando que se trata dun deporte “en claro auxe”, cun aumento notable tanto no número de licenzas como na presenza de público nos pavillóns. Santalla puxo tamén en valor o traballo que realizan os clubs locais, en especial Narón Volea, “como piar fundamental para o desenvolvemento deportivo desde as idades máis temperás”.
Pola súa banda, a secretaria do club Narón Volea, Eva Romero, salientou a boa acollida que volve ter o torneo nesta décimo sexta edición e a importancia de contar con equipos doutros puntos de Galicia, o que contribúe a enriquecer a experiencia deportiva das nenas e nenos participantes. Romero incidiu ademais no labor formativo do club, non só no eido deportivo senón tamén na transmisión de valores como o respecto, o esforzo e o compañeirismo.
Desde a organización sinalaron que o XVI Torneo de Voleibol Cidade de Narón é unha mostra máis da consolidación deste deporte no municipio e da aposta decidida pola canteira, ao tempo que convidaron a veciñanza a achegarse ao pavillón da Solaina para apoiar as novas promesas do voleibol e gozar dunha xornada deportiva e familiar.



