Oitenta mulleres con discapacidade demandaron o Servizo de Atención Especializada de COGAMI

Redacción

Dende que iniciou o 1 de xaneiro, un total de 80 mulleres demandaron o servizo de Atención Especializada á Muller con Discapacidade de COGAMI, un servizo que pretende dar resposta ás súas necesidades, especialmente daquelas que se atopan en situación de risco tras vivir situacións de violencia na contorna familiar, doméstica ou institucional, como ter unha baixa participación social, dificultades na incorporación ao mercado laboral ou unha sobreprotección social e familiar.

Estas mulleres que participaron deste servizo, contaron cun equipo de profesionais de traballo social dos puntos de atención que COGAMI ten en A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Lugo. A atención consistiu en dotalas de maior autonomía e independencia para a mellora da súa situación persoal, social e laboral.

Financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade,  o servizo de Atención Especializada á Muller con Discapacidade ofrece información, orientación, asesoramento e intervención coa persoa e coa familia, no caso de ser preciso. Estas intervencións, que poden ser individualizadas ou grupais, están dirixidas á adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias, co fin de que poidan introducirse no mercado laboral e acadar os seus obxectivos.

Tradicionalmente, a sociedade tendeu a illar e a segregar ás mulleres con discapacidade, tendo que convivir con condutas discriminatorias como son maior desemprego, salarios inferiores, menor acceso aos servizos de saúde, maiores carencias educativas, escaso ou nulo acceso a programas e servizos dirixidos a mulleres en xeral, maior incidencia de vítimas de violencia e todo tipo de abusos.

A través deste Servizo de Atención Especializada á Muller con Discapacidade, que se estende ata o 31 de agosto, dende COGAMI preténdese previr e dotar ás mulleres de recursos persoais suficientes para afrontar posibles situacións de risco, para adquirir un maior empoderamento persoal e promocionar a activación de cara á busca de emprego.

Comparte este artigo