Despois da boa acollida da primeira edición, volve a Feira de Universidades a Carballo. Once centros de estudos superiores participarán nesta segunda edición, que se celebrará o luns 19 deste mes no Fórum. Por medio de postos informativos individuais, cada un deles dará a coñecer as posibilidades de futuro ao alcance da mocidade carballesa.
O Concello de Carballo, a través das concellarías de Educación e Innovación, Formación e Emprego, participa nesta iniciativa, promovida pola U-tad (Universidad de tecnología y arte digital), que será un dos centros participantes xunto coa UDC (Universidade da Coruña), USC (Universidade de Santiago de Compostela), Uvigo (Universidade de Vigo), Universidad Europea de Madrid, CSHG (Centro Superior de Hostalaría de Galicia), Escuela de Pilotos Atlantic Air Academy, Escola Superior Marcelo Macías da Coruña, Universidad de Navarra, Universidad intercontinental de la empresa e Forzas Armadas.
A II Feira das Universidades estará aberta de 10.00 a 14.00 horas. Os centros de secundaria da contorna, xa teñen visitas concertadas, pero o evento estará aberto a todas as familias interesadas.



