Noites de Cine suma dúas novas proxeccións no Chorís e Sofán coas películas “Campamento Garra de Oso” e “Los Futbolísimos 2: El misterio del tesoro pirata”
O humor, o circo e o cinema ao aire libre volverán ser protagonistas da programación cultural da semana en Carballo. A axenda convida a desfrutar do verán en distintos espazos da vila con propostas para todas as idades, que inclúen o espectáculo Hoxe si! da compañía Sempre Arriba e dúas novas citas coas Noites de Cine.
A programación de Carballo para o verán sempre propón citas para público familiar, e así ocorre coas Ondas Culturais que presentan a actuación da compañía Sempre Arriba con Hoxe si!, Premio Manu Lago ao Mellor Espectáculo de Rúa 2025. A cita, o venres 17 de xullo, ás 20.30 horas no Xardín Municipal, é unha proposta familiar que combina clown, acrobacia aérea e humor para convidar o público a celebrar o momento presente. Ambientado nunha festa chea de música e interacción, o espectáculo mestura xogos, circo e participación nunha experiencia pensada para compartir coa cativada, cunha linguaxe fresca e desenfadada que anima a vivir o “hoxe” sen deixalo para mañá.
Á fronte da compañía está Marta Iglesias, artista multidisciplinar galega especializada en clown e acrobacia aérea, que tras traballar con compañías de teatro de rúa e circo iniciou en 2018 o seu proxecto en solitario. O espectáculo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
A programación inclúe tamén dúas sesións do ciclo Noites de Cine. O mércores 15 de xullo, ás 22.30 horas, a Praza do Chorís acolle a película Campamento Garra de Oso, unha divertida comedia de aventuras para todos os públicos. Ao día seguinte, o xoves 16, tamén ás 22.30 horas, será a quenda de Los Futbolísimos 2: El misterio del tesoro pirata, en Sofán-Praza, nunha sesión coa colaboración da Asociación de Mulleres Rurais San Salvador de Sofán.
Tamén queremos lembrar que continúa aberta a exposición colectiva O susurro dos Antergos, que pode visitarse ata o 18 de agosto no andar -1 do Pazo da Cultura, de luns a sábado, en horario de 17.00 a 20.30 horas. A mostra reúne obras de artistas da comarca de Bergantiños e propón unha viaxe pola mitoloxía galega a través da pintura, a escultura, as instalacións, a performance e o teatro, creando un espazo no que dialogan a tradición e a creación contemporánea.

