• A festividade dará comezo ás 10:00 horas cunha degustación de conservas e, posteriormente, realizarase o pasarrúas.
• Tras as dúas misas matutinas e a procesión haberá varias sesións musicais.
• Espérase a presenza de máis dun milleiro de persoas durante todo o día na contorna da capela.
O Concello de Cariño xa o ten todo a punto para celebrar a tradicional Romaría de San Xiao do Trebo, que como é habitual terá lugar o último sábado do mes de xaneiro, en leste caso día 25. A capela de San Xiao e a súa contorna acollerán a festividade, que dará comezo a partir das 10:00 horas e estenderase ata as 2:00 horas da mañá.
Un ano máis, o Concello de Cariño apostou por reforzar o servizo de autobús durante o evento, aumentando neste 2025 os horarios para evitar a subida de coches particulares e minimizar o risco que isto podería conlevar. Así, o servizo de autobús contará con dous horarios, un de mañá, que irá de 10:00 a 13:30 horas, e outro de serán, que abarcará desde as 15:30 ata as 2:30 horas. Todos os autobuses sairán desde A Tortela.
“Este ano decidimos reforzar o servizo de autobuses para limitar o uso de vehículos. É unha medida que xa o ano pasado deu bos resultados, polo que neste 2025 decidimos aumentar os horarios do servizo. A Romaría de San Xiao do Trebo é unha celebración moi importante para Cariño, hai moita xente que ten marcada esta data no calendario e, por iso, hai moitos desprazamentos. É por isto que decidimos alongar o servizo de autobuses para minimizar os posibles contratempos viarios”, explica a concelleira de Cultura, Laura García.
Desta maneira, o evento arrincará ás 10:00 horas cunha degustación de conservas por parte da Pureza, onde tamén se poderán degustar empanadas. Posteriormente, ás 12:00 horas, realizarase o pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas San Xiao do Trebo.
Entre medias, ás 10:30 e ás 12:30 horas, celebraranse as dúas misas en honra a San Xiao, tras as que terá lugar a procesión, que será acompañada pola Banda de Gaitas San Xiao do Trebo.
Ás 13:30 horas dará comezo a sesión vermú, que se prolongará ata as 15:00 horas e será amenizada polo Trío Karma, que volverá actuar entre as 19:30 e as 22:30 horas. A partir desa hora, o DJ Miguel GZ tomará a substitución para continuar coa festa musical ata as 2:00 horas, cando concluirán as actuacións.
“Esta é unha celebración que se vive moito no municipio, polo que esperamos que haxa unha gran afluencia de persoas, superando o milleiro ao longo de toda a xornada. Confiamos en que sexa un gran día e convidamos os veciños, veciñas e visitantes a gozar desta gran festa con moderación e respecto”, concluíu García.