Esta iniciativa busca integrar a pais e nais na educación dos seus fillos en temas sensibles como o acoso, as redes sociais ou a sexualidade.
O Concello de Ortigueira, a través do departamento de educación familiar dos Servizos Sociais, iniciará no mes de marzo o proxecto Escola de Familias, unha iniciativa destinada a mellorar a comunicación no núcleo familiar e proporcionar ferramentas educativas a pais e nais para fomentar o benestar dos seus fillos e fillas.
Este programa xorde co obxectivo de fortalecer as relacións familiares, mellorar o vínculo afectivo e dotar ás familias de estratexias en materia de educación, disciplina positiva, establecemento de límites e normas no fogar. Así mesmo, abordará temas de especial relevancia como a prevención de condutas de risco, o acoso escolar, as adiccións e os trastornos emocionais na infancia e a adolescencia. Búscase, ademais, potenciar o traballo conxunto entre as familias e os centros educativos, garantindo que a formación que se imparte en colexios e institutos chegue tamén aos fogares.
A concelleira de Servizos Sociais, Elisa Dorna, destacou a importancia deste proxecto como unha ferramenta fundamental para acompañar ás familias na crianza e educación dos seus fillos. “Sabemos que a adolescencia e a infancia presentan múltiples desafíos para as familias, e desde o Concello queremos ofrecer un espazo onde nais e pais poidan recibir apoio, compartir experiencias e recibir orientación de profesionais a través de actividades atractivas para as familias e os seus fillos e fillas. A Escola de Familias nace coa intención de crear unha comunidade de aprendizaxe onde todos podamos achegar e enriquecernos”, afirma Dorna.
O Concello de Ortigueira convida a todas as persoas interesadas a formar parte desta iniciativa, que contará con sesións dinámicas e atractivas para favorecer a participación activa das familias. Para máis información ou para inscribirse, pódese contactar co departamento de educación familiar no edificio de Servizos Sociais ou a través do teléfono 981 400 000.