HomeA CoruñaA CoruñaOs bombeiros chegaron en menos de 12 minutos a un 84,87% das...

Os bombeiros chegaron en menos de 12 minutos a un 84,87% das intervencións de 2025

- Anuncio -spot_img

O número de incendios urbanos descendeu respecto ao ano 2024 e os efectivos do corpo aumentaron de 95 a 101

A alcaldesa Inés Rey agradeceu en nome de toda a cidadanía “a profesionalidade e a dedicación” dos efectivos coruñeses

Un 67 % dos operativos foron resoltos en menos de 45 minutos

O Parque de Bombeiros da cidade pechou o ano 2025 cun total de 2.026 actuacións rexistradas, unha cifra superior ás 1.914 do 2024. Son os datos que especifica a memoria anual do corpo, redactada polo Concello, que fai balance do estado dos servizos de emerxencia.

A valoración da calidade e inmediatez das actuacións o ano pasado é «moi positiva», tal e como indicou a concelleira de Seguridade Cidadá Montse Paz, que hoxe expuxo os detalles da memoria. «As tarefas que o servizo de bombeiros realiza son moi diversas e cada vez máis especializadas, e o noso servizo destaca non só en Galicia, senón tamén en España», apuntou.

Os números dan motivos para a felicitación ao persoal profesional da loita contra o lume. Nun 84,87 % das intervencións de todo o ano, os bombeiros chegaron ao lugar da emerxencia en 12 minutos ou menos desde o momento de recibir a chamada de socorro. E nun 25,94 % dos casos, incluso chegaron en menos de 5 minutos, explicou Paz.

En canto á eficacia, o balance tamén é positivo. Un 67 % dos operativos foron resoltos en menos de 45 minutos. Todo isto vai tamén aparellado á aposta decidida do Concello por dotar as unidades de medios técnicos e materiais a través dun crecente investimento. O balance de gastos reflicte un investimento de 1.055.000 euros en compra e renovación de material e instalacións.

Tamén os recursos humanos aumentaron ao longo de 2025. O total de efectivos na cidade é actualmente de 101 (84 bombeiros, 9 cabos, 6 sarxentos, 1 suboficial e 1 oficial), seis máis que no 2024. Ademais, o ano estivo cheo de retos que o corpo soubo asumir con profesionalidade e esforzo. Un dos máis esixentes, o gran apagón do 28 de abril, que obrigou o Gabinete de Crise Municipal, presidido pola alcaldesa Inés Rey, a mobilizar a todo o persoal profesional do servizo.

O gran fluxo de intervencións daquel episodio dividiuse en dúas fases. Na primeira levouse a cabo unha vaga de rescates en ascensores, liberando a máis de 90 persoas que quedaron atrapadas tras a perda do subministración eléctrica. Na segunda, correspondente á madrugada do día 29, respondéronse 108 emerxencias relativas, na súa maioría, a incendios en cociñas provocados pola reactivación de electrodomésticos desatendidos.

Os bombeiros coruñeses tamén tomaron parte en operacións fóra do ámbito municipal, entre as que destacou a súa mobilización contra os grandes incendios forestais da provincia de Ourense, que consistiu na defensa de núcleos de poboación ameazados polo lume e a realización de tarefas de extinción e refresco en xornadas de alta intensidade. A súa actuación, recordou Paz, demostrou unha vez máis a profesionalidade do corpo coruñés.

En todo o ano, foron rescatadas por efectivos de emerxencias 105 persoas, incluíndo episodios habituais como incendios urbanos, accidentes de circulación, rescates acuáticos, ou axudas á asistencia sanitaria.

O mes con máis intervencións foi, precisamente, abril —coincidindo co apagón—, que pechou con 241, e o día da semana con máis mobilizacións foi o luns, con 388 operativos totais. A hora máis habitual de requirimento do servizo foi entre as 10.00 e as 11.00 h.

Nunha nota positiva, o número de incendios urbanos na cidade descendeu considerablemente, desde os 374 do 2024 ata os 246 de 2025. Isto foi o resultado da intensa actividade de prevención e concienciación da cidadanía despregada polos bombeiros, que colaboraron en ata 71 simulacros en centros docentes, industriais, comerciais ou administrativos.
“Toda a cidadanía coruñesa está orgullosa e agradecida ao seu corpo de bombeiros, que é un dos mellores de Galicia e de España. A súa dedicación e profesionalidade salva moitísimas vidas, e desde o Goberno municipal imos seguir investindo para mellorar os seus recursos”, engadiu a alcaldesa, Inés Rey.

Publicacións Relacionadas