• Santiso solicita aos responsables que os traballos se completen este ano para efectuar en 2026 a cobranza do IBI co novo valor
• O presidente agradece a disposición mostrada pola Xerencia
A Asociación de Concellos Galegos Afectados pola AP-9 dá os seus primeiros pasos para defender os seus dereitos por albergar o paso da autoestrada. O seu presidente, e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, mantivo na mañá de hoxe un encontro coa xerente rexional do Catastro, Victoria Fernández, e o adxunto á Xerencia, Isidoro Miguel, co fin de abordar a actualización do valor catastral da infraestrutura, unha das demandas da agrupación.
Os responsables do Catastro informaron a Santiso que os traballos para poñer ao día a valoración da AP-9 están en marcha.
O presidente pediu que a actualización se poida completar ao longo deste 2025 para poder efectuar a cobranza en 2026 cos novos valores, observando boa disposición na xerente e o adxunto. Desta forma gravarase un IBI á concesionaria que será máis acorde á conxuntura actual e que repercutirá aos concellos maiores ingresos.
Santiso agradece a “colaboración total” mostrada pola Xerencia do Catastro para sacar adiante unha cuestión perseguida polos Concellos desde hai anos: marcar un valor real da infraestrutura, dado que o anterior data de 2007. Destaca que a reunión transcorreu baixo unha gran cordialidade para avanzar nunha medida de interese xeral.
A actualización catastral da AP-9 súmase á supresión da bonificación do 95% do IBI da que gozou a concesionaria durante 50 anos. As Deputacións, que teñen encargada en boa parte dos municipios a función de recadación tributaria, un traballo polo que ademais teñen unha tarifa que perciben dos Concellos, viraron o IBI completo de 2024 e avanzaron a súa intención de facer o propio cos catro últimos meses de 2023, cando finalizara a bonificación, o que vai na liña da petición da asociación.