Home A Coruña Os Concellos de Muros, Carnota, Dumbría e Cee acordan crear unha ruta...

Os Concellos de Muros, Carnota, Dumbría e Cee acordan crear unha ruta costeira que unirá algúns dos recursos máis icónicos de Galicia

- Anuncio -

As organizacións de empresarios turísticos da Ría da Estrela e da Costa da Morte apoian sen fisuras unha iniciativa que traerá importantes beneficios aos dous xeodestinos

Os Concellos de Muros, Carnota, Dumbría e Cee veñen de asinar un acordo de colaboración pioneiro para a creación dunha ruta costeira que, con inicio no municipio de Cee e fin no porto de Muros, permitirá concretar diversas iniciativas turísticas destes municipios. En palabras do anfitrión do acto de sinatura e principal impulsor da iniciativa, o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, “nos últimos anos xurdiron no territorio unha serie de iniciativas que eran un claro exemplo dunhas inquedanzas latentes como a Senda Litoral de Galicia, Sendeiros entre Faros, Camiños de Andar ao Mar, Senda das Estrelas… Con este itinerario cultural pretendemos crear un armazón definitivo que serva para a concreción de todas estas iniciativas previas e outras que poidan xurdir no futuro”.

O acordo foi asinado no Hotel Meiga do Mar (Carnota) polas alcaldesas de Muros, María Lago, e de Cee, Margarita Lamela, e polos alcaldes de Carnota, Juan Manuel Saborido, e Dumbría, Raúl González. Un acto no que estiveron acompañados tanto por representantes das súas respectivas corporacións municipais como por integrantes das distintas asociacións de empresarios e hostaleiros da zona como Pepe Senande e Manuel Lema, membros de Hostalaría Ría da Estrela; Pepe Formoso, presidente da Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM); e Toño González, directivo da asociación Solpor.

Vertebración do territorio

A ruta transcorrerá por algúns recursos de altísimo valor paisaxístico e cultural como a antiga factoría baleeira de Caneliñas, o faro de Lariño e o resto de praias dos catro concellos. Porén, o seu grande atractivo radica en que transcorre ao carón dalgunhas das máis senlleiras iconas da costa galega como: a Fervenza do Ézaro, o Monte Pindo, a praia de Carnota, o Monte Louro, o núcleo histórico de Muros e, en ambos os dous extremos, dous Camiños de Santiago: o de Fisterra-Muxía e o da Ría de Muros Noia.

Neste sentido, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, asegura que “este acordo é un primeiro paso. Nunha segunda fase, os catro Concellos implicados entraremos en contacto coa Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia e coa Asociación de Concellos do Camiño de Fisterra e Muxía para valorar a idoneidade de crear o que podería ser o primeiro itinerario cultural baseado en dous Camiños de Santiago”.

Para poñer en marcha a iniciativa, os catro Concellos acudiron xa ás axudas dos fondos europeos FEMPA, xestionadas polo GALP Costa Sostible, para poñer en marcha unha serie de accións entre as que se inclúen: a delimitación do itinerario cultural entre Cee e o porto de Muros, as tarefas de sinalización e balizamento que serán precisas e a posta en marcha de distintas accións promocionais tales como a creación dun espazo web e a edición de mapas turísticos.

Beneficios económicos

De feito, os representantes das distintas asociacións de hostaleiros e empresarios presentes durante a sinatura do convenio coincidiron en destacar a importancia de contar con este proxecto integrador xa que é quen de superar fronteiras, xerar beneficios económicos e aumentar a percepción do territorio por parte das persoas visitantes. Neste sentido, compre salientar a importancia das asociacións profesionais integradas na iniciativa:

– Asociación turístico comarcal Hostalaría Ría da Estrela, integrada por un grupo de hostaleiros e empresas de ocio da Ría da Estrela con intereses comúns e gañas de promover e poñer en valor este xeodestino.
– Asociación Solpor, nacida no ano 2014 para traballar na promoción do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía e conformada por unha gran variedade de socios de diferentes sectores: hoteis, albergues, casas rurais, tendas, distribuidoras, restaurantes…
– Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), integrada por máis de 170 socios entre hoteis, casas rurais, apartamentos e vivendas turísticas, albergues, pensións, hostais, museos, centros de interpretación, comercio, centros de estética, wellness e spa, empresas de turismo activo e actividades na natureza ou náutico-deportivas, restaurantes…

Sobre a Ría da Estrela

A Ría da Estrela é a marca que engloba os atractivos turísticos, culturais e gastronómicos dos municipios de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son. Cinco concellos que comparten unha contorna privilexiada e única como é a ría, e que contan cunha hostalería e restauración de calidade, con establecementos de luxo e innovadores que apostan pola calidade do produto, por unha economía sustentable e pola utilización de produtos km 0.

Relacionadas

A Ribeiriña loce renovada fachada marítima

0
A valorización da fachada marítima da Ribeiriña e a recuperación dun espazo natural para desfrute da veciñanza. Con esta idea, o Ministerio para a...

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de reparación da cuberta do pavillón municipal...

0
A Xunta de Goberno deu luz verde ao proxecto de reparación da cuberta do pavillón municipal Quiroga Palacios cun orzamento base de licitación de...

As participantes no programa “A Laracha Acolle” realizan un obradoiro de bo trato e autocoidados

0
As asistentes son mulleres de Marrocos, Paquistán, Ucraína e Colombia empadroadas no termo municipal da Laracha. No concello da Laracha estase a desenvolver desde hai...

O Concello pon en marcha un tratamento preventivo en 85 palmeiras da cidade co...

0
Este luns comeza a aplicarse acetamiprid nos exemplares existentes nos xardíns de Méndez Núñez, a rúa Santa Lucía, cemiterio de Santo Amaro, As Atochas...

Un milleiro de nenos e nenas participarán na XXIV edición do Correlingua

0
O concelleiro Gonzalo Castro destacou a importancia deste evento para “manter moi viva a lingua entre as próximas xeracións” O concelleiro da Área de Fomento...

Laxe recoñece ás persoas máis lectoras da súa biblioteca municipal

0
• As galardoadas foron Sara Khaled Danais na categoría infantil - xuvenil e María Isabel Martín Campo na categoría de adultos • Todo isto transcorreu...

Publicacións Relacionadas