HomeA CoruñaOs grandes talentos locais da clásica reúnense este domingo na igrexa de...

Os grandes talentos locais da clásica reúnense este domingo na igrexa de San Sadurniño para un concerto exquisito

- Anuncio -spot_img

O ano pasado foi un éxito e este ano volverá selo. Con toda seguridade. Falamos do concerto de música de cámara ao que poderemos asistir este domingo a partir das 12:00h na igrexa de San Sadurniño, dirixido pola oboísta Iria Folgado Dopico, quen volve xuntar nun encontro único á frautista Erika González, a pianista e frautista Noreia Hermida, o violonchelista Víctor Rodríguez, o violinista Jaime Rodríguez e o trombonista Gabriel Castrillón.

Seis intérpretes locais de grande talento que repasarán unha coidada selección de pezas clásicas moi axeitadas para o ambiente festivo e familiar destas datas. Malia a súa mocidade, todas e todos teñen unha longa formación e experiencia en cadanseu instrumento. Con todo, para que a execución conxunta deste domingo sexa perfecta, durante a tarde de hoxe e a xornada de mañá sábado -véspera do concerto- teñen programados varios ensaios individuais e en grupo de cara a axustar un repertorio que require grande destreza técnica.

O programa comezará co Dúo número 1 e 4 de Stamiz para dúas frautas, seguido do Morceau Symphonique de Guilmant para trombón e piano e da composición Après un Rêve de Gabriel Fauré para óboe e piano, así como do primeiro movemento da Sonata 1 de Beethoven de violín. “Despois seguiremos con arranxos que escribín de obras de compositores do mundo sinfónico como Ravel, Mussorgsky ou Tchaikovsky”, explica Iria Folgado.

“É un repertorio moi variado e fermoso que a xente poden disfrutar, e tamén este concerto é unha maneira de achegar a musica clásica a San Sadurniño da man de músicos do pobo”, engade a oboísta.

Consciente do esforzo que supón montar un concerto deste tipo “en plenas datas do Nadal, e máis aínda cando son intérpretes que se coñecen pero que non tocan xuntos o resto do ano”, desde o Concello agradécelles “a súa colaboración e a boa disposición para deleitar a toda a veciñanza”, comenta o alcalde, Secundino García Casal.

O alcalde tamén lle expresou o agradecemento municipal á Parroquia de San Sadurniño por facilitar o espazo de Santa María A Maior do Rosario, especialmente axeitado para acoller o concerto deste domingo por acústica, capacidade e polo seu valor patrimonial.

Dado que se trata cun evento con entrada libre -que o ano pasado encheu a igrexa até os topes- recoméndase chegar con tempo para coller un sitio axeitado desde onde desfrutar del como é debido. Tamén se prega puntualidade para non retrasar o comezo nin interromper a audición.

O “tradi”, a véspera en DZINE
Ademais do concerto dos seis músicos locais, San Sadurniño ten outra cita musical na noite do sábado. E é que, por ser último sábado de mes, a sala DZINE convoca a todas e todos os amantes do “tradi” a participar na derradeira foliada de 2025. Gaitas, tambores, acordeóns, beiladoras e beiladores están chamadas e chamados á troula, que comezará ás 22:00h.

Publicacións Relacionadas