Haberá nove xornadas consecutivas de entrada gratuíta, nas que o público poderá gozar das exposicións interactivas e as actividades previstas na Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae
O sábado 15 terá lugar a entrega dos XXXVIII Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica
O Concello da Coruña organiza unha ampla programación de actividades ao abeiro da Semana da Ciencia 2025, que terá lugar entre os días 8 e 16 de novembro nos Museos Científicos Coruñeses e terá, como no pasado ano, nove xornadas consecutivas de entrada gratuíta.
Estes nove días, o público poderá gozar das exposicións interactivas dos tres centros, que abrirán todos os días de 10.00 a 19.00 horas, con último acceso ás 18.00 horas no Aquarium Finisterrae e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus.
Para visitar eses días o Aquarium Finisterrae é imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse cun máximo de 3 días de antelación nesta páxina. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, estas poderán acceder sen reserva, acompañadas doutra persoa se o precisan. En calquera caso, as entradas estarán limitadas por un control de espazo.
A visita ás salas de exposicións da Casa das Ciencias e á Domus será libre, sen reserva previa e sempre que a capacidade non estea completa. Para asistir a unha das sesións de planetario na Casa das Ciencias si hai que realizar unha reserva de entradas nesta ligazón, que poderá facerse a partir das 9.00 horas do día anterior á sesión.
Programación do planetario
De luns a venres
● 18:00 Sesión en directo (galego/castelán, + 10 anos)
Fins de semana:
● 11:30 La noche es necesaria (castelán, +10 anos)
● 13:00 A grande aventura do sistema solar (galego, + 4 anos)
● 17:00 La gran aventura del sistema solar (castelán, + 4 anos)
● 18:00 Sesión en directo, (galego/castelán, + 10 anos)
A Semana da Ciencia terá ademais un acto destacado, a entrega dos XXXVIII Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica, que se celebrará no Salón de Plenos do Palacio Municipal de María Pita o sábado 15 de novembro.

                                    

