O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla leva dúas semanas de intensa actividade. Hai uns días clausurou o curso de actualización para o manexo da nova maquinaria térmica, tamén iniciou unha nova acción formativa para preparar novas usuarias e usuarios principais e, ademais, mostrou en Quiroga a súa experiencia, dentro do foro de innovación Conecta Lugo promovido pola Xunta de Galicia e a Confederación de Empresarios de Lugo.
E a cousa non parou aí, xa que o proxecto tamén asistiu ao Galicia Fórum Gastronómico, onde protagonizou unha das presentacións do stand da Deputación da Coruña na xornada dedicada á campaña “A paisaxe que sabe”, coa que o ente provincial promove unha estratexia que se conxuga sabores e produtos da terra e o mar cun turismo sostible e de calidade.
Na cita celebrada en Expocoruña presentouse a experiencia -integrada na rede de espazos de traballo compartido da propia Deputación- e tamén se puideron probar zumes, confeituras e outras conservas das marcas Lúa de Dexo, Ay Carmen e Bieiteiras, que se producen no centro situado en Moeche.
O concelleiro de Desenvolvemento local de San Sadurniño, Manolo Varela -quen participou na presentación como produtor e como representante dos municipios promotores da Fusquenlla- destacou “a proxección” que un evento como o Galicia Fórum Gastronómico pode darlle “tanto aos produtos de calidade que se elaboran no noso centro como á propia iniciativa en si, que está sendo todo un exemplo de desenvolvemento local e de soberanía alimentaria”.
Varela tamén comentou que a degustación ofrecida na xornada do domingo “tivo moito éxito entre o público que, recordemos, eran na súa maioría persoas especializadas no mundo da restauración e da distribución agroalimentaria”. “A participación no Galicia Fórum Gastronómico foi moi satisfactoria. Esperamos que o ano que vén poidamos volver con máis variedade de produto”.