A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, adiantou esta mañá en rolda de prensa algún dos detalles trasladados polos propios Reis Magos sobre a tradicional Cabalgata que sairá o domigo 5 de xaneiro ás 17:30 horas desde a praza da Mercé de Conxo. A comitiva percorrerá as rúas da cidade ata chegar á praza do Obradoiro e ao Pazo de Raxoi onde a cativada poderá gozar do concerto de María Fumaça e unha chocolatada.
Pilar Lueiro explicou que os tres Reis Magos contactaron co Concello para organizar a súa chegada a Compostela e deron “autorización para comunicar xa algunhas das características do percorrido que van realizar e sobre as compañías que van integrar a súa comitiva”.
Así, Gaspar, Melchor e Baltasar sairán ás 17:30 horas da praza de Nosa Señora da Mercé de Conxo e percorrerán a avenida de Ferrol, cuxo último tramo será sen son e música para as persoas cunha sensibilidade especial, e cruzarán Romero Donallo para continuar Frei Rosendo Salvado ata a praza Roxa. Despois seguirán pola rúa de República do Salvador, rúa do Hórreo e rodearán a praza de Galicia para entrar na zona vella pola Porta Faxeira e seguir pola rúa do Vilar ata a praza do Obradoiro onde está previsto que sexan recibidos pola alcaldesa e por membros da Corporación municipal entre as 19 e as 19:30 horas. A continuación dirixirán unhas palabras á cativada e pasarán ao Salón Vermello do Pazo de Raxoi para a tradicional recepción.
En total, prevese a participación de “300 persoas” no percorrido, “das que arredor de 200 serán voluntarias, demostrando o forte compromiso e colaboración da rapazada de Compostela, unha das cousas que máis valoran Melchor, Gaspar e Baltasar”.
Novidades
A concelleira detallou que nesta ocasión o desfile contará coa participación de 8 compañías profesionais de Galiza e doutras partes de Europa, “que nos agasallarán con espectáculos protagonizados por acrobacias, danza e música, engadindo un toque de maxia e talento nacional e internacional á celebración”, e fixo un especial recoñecemento ao traballo das escolas de danza de Compostela Mandala e Cancunquinqué, así como á colaboración de asociacións como Armatroulas e da Escola de Música, que participará coa súa sección de corneta.
A cabalgata estará composta por cinco carrozas: tres carrozas para os Reis Magos, que irán acompañadas polos seus paxes e heraldos reais; a carroza da Carteira Real, que levará a maxia das cartas escritas polos nenos e nenas de Compostela; e a gran novidade, a carroza da Boa Estrela, que abrirá o desfile iluminando o camiño con bos desexos para todas as persoas que se acheguen a vivir esta noite tan especial.
Unha vez chegados á praza do Obradoiro, cativada “de todas as idades” poderá gozar do concerto do grupo de música infantil María Fumaça, que porá o broche de ouro a esta xornada e dunha chocolatada “para combater as temperaturas de xaneiro”.
Outras actividades
O vindeiro luns 30 de decembro, a partir das 17 horas na contorna do palco da música da Alameda, terá lugar a actividade “Estrelas e Desexos”. Pilar Lueiro convidou a toda a veciñanza a achegarse e colocar a súa estrela de oito puntas cos seus desexos na árbore, nun evento con música a cargo do Coro Encaixe e chocolatada.
O día 31 de decembro, tera lugar “unha das citas máis divertidas e creativas destas datas”, a Carreira de San Silvestre, que sairá da praza do Obradoiro ás 17:30 horas. “Este ano xa superamos as inscricións do ano pasado poque onte, unha hora antes do peche xa estábamos nas 2004 persoas inscritas”, detallou a concelleira.
O día 31 pecharase coa Festa de Fin de Ano Obradoiro que nesta ocasión estará amenizada por Mekánica Rolling Band, coa idea de encher a praza de baile e movemento despois das uvas de medianoite.