HomeA CoruñaA CoruñaOs XXXVIII Prismas Casa das Ciencias distinguen propostas de concienciación sobre o...

Os XXXVIII Prismas Casa das Ciencias distinguen propostas de concienciación sobre o consumo de auga e a contaminación derivada dos microplásticos

- Anuncio -spot_img

A entrega de premios celebrarase o día 15 de novembro no Salón de Sesións de María Pita

Esta mañá o xurado da XXXVIII convocatoria dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica fixo público o fallo dos proxectos e traballos gañadores. “Estes premios son un referente nacional da divulgación científica e a comunicación, que dan unha maior visibilidade ao traballo dos nosos museos, pioneiros entre as grandes cidades do país”, indicou a alcaldesa, Inés Rey.

O xurado, que se reuniu entre os días 19 e 20 de setembro, estivo composto por Luis Alcalá, paleontólogo, museógrafo e presidente do xurado; Mónica Salomone, xornalista científica e directora de comunicación do CNIO; Silbia López de Lacalle, xornalista e divulgadora científica; Sergio Rodríguez Roiloa, profesor da área de Ecoloxía na Universidade da Coruña e director da Cátedra Emalcsa-UDC; e Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses e secretario.

Estes son os traballos gañadores desta edición:

Mellor traballo en vídeo: Querida gaivota maldita!, de Manuel Pedrosa Sánchez e Mariam Mariño Casal, por reivindicar o papel das gaivotas nos nosos ecosistemas costeiros a través dunha coidada produción audiovisual.

Mellor traballo en novos medios: Reacciona Explota, canle de Youtube de Aythami Soto Rodríguez, por espertar o asombro narrando con fondura aspectos pouco coñecidos da ciencia.

Mellor proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano: Agua Clara, de Stéphanie Aparicio Antón, por presentar con claridade e sentido do humor cuestións esenciais sobre a xestión e o consumo de auga.

Mellor artigo xornalístico: Rodeados de microplásticos: la contaminación minúscula que bebemos, comemos y respiramos, de Clemente Álvarez y Laura Navarro, publicado en El País, por abordar un tema relevante con mirada ampla e solidez gráfica e narrativa.

Mellor traballo en radio: ¿Por qué andamos con dos piernas?, de Xaviera Torres e Raquel Martín Alonso para RTVE, un programa luminoso que partindo da curiosidade infantil chega a todos os públicos.

Mellor proxecto singular: Més que ciència, de Daniel Amatller por combinar as novas tecnoloxías e a calidez da atención personalizada para levar a divulgación científica a persoas maiores ou en situación de dependencia.

Mellor libro editado: ¿Por qué soñamos? Y otras grandes preguntas sobre dormir y el sueño, de Pablo José Barrecheguren Manero, en Plataforma Editorial, por contar de forma rigorosa e amena a importancia do sono e dos soños.

Ademais, o xurado decidiu outorgarlle o Prisma Especial do Xurado ao Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC), por un sólido proxecto de comunicación científica caracterizado pola calidade e a audacia na exploración de novos formatos.

Tamén se decidiu outorgar mencións honoríficas nas modalidades seguintes:
● Mención de honra na categoría de artigo xornalístico para El darrer alè del mar dÁral, de Laura Carrau Pascual y Rafael Marcé Romero, publicado en Revista Mètode, por desvelar as consecuencias globais dunha catástrofe ambiental causadapola acción humana.
● Mención de honra na categoría de proxecto singular para Hypatia II: abriendo el espacio a la mujer da Associació Hypatia Mars, por promover referentes femininos na ciencia e na exploración espacial.

Os premios Prismas son unha iniciativa dos Museos Científicos-Concello da Coruña que pretende potenciar a difusión da cultura científica en España e apoiar a todos os profesionais que traballan neste campo. Entregaranse nunha cerimonia o vindeiro sábado 15 de novembro, que contará coa asistencia dos galardoados. Coa súa organización, o Goberno de Inés Rey contribúe a apuntalar o posicionamiento da Coruña como cidade vinculada á divulgación científica.

Publicacións Relacionadas