A veciñanza desta pequena aldea vestiu orgullosa os traxes típicos, desfilando Bonitos e Vexigueiros nun mítico percorrido circular a este lugar do noso municipio.
Paderne avivou un ano máis o único Entroido tradicional do territorio das Mariñas, o de Samede. A veciñanza desta pequena aldea vestiu orgullosa os traxes típicos, desfilando así Bonitos e Vixigueiros nun mítico percorrido circular a este lugar do noso concello.
Con saída da contorna da capela de Samede, un cento de persoas acompañaron á comitiva durante todo o percorrido, que finalizou coa tradicional muiñeira cruzada, así como tamén coa muiñeiriña infantil.
Posteriormente, celebrouse un xantar popular, o enterro do policarpo e finalizouse cunha foliada, como xa é tradicional poñer o broche final a unha festa que segue moi viva.
Un chisco de historia
Relataba o pasado mércores Emilia Cagiao, presidenta da Asociación do Entroido de Samede, que esta iniciativa comezouse a recuperar “por unha redacción que tiña que levar un cativo á escola, e isto sucedeu en 2015. Comezabamos a tirar do fío, a buscar testemuñas na nosa veciñanza e ao final resultou que máis persoas das que pensabamos se lembraban do Entroido de Samede. Non o dubidamos un segundo á hora de poñernos en marcha para que isto que vedes hoxe aquí sexa unha realidade”, relataba.
Había entroido en todas as aldeas, pero a diferencia do Entroido de Samede tiña elementos que o facían único, e que aínda seguen latentes. O ritual que se facía estaba tremendamente marcado, e tanto é así que un mes antes da celebración, os mozos que licenciaban do servizo militar aquel ano, que eran os encargados de facer a festa, eses homes para demostrar que eran fortes tiñan que saír de noite a buscar un pino o máis grande posible para logo vendelo e xuntar cartos para facer a festa. Aí colgaban o meco ou o policarpo para anunciar que tiñamos entroido.
Por outra banda, as máscaras. Os bonitos son as nosas máscaras e tódolos luns de entroido se bailaba unha muiñeira cruzada (que se bailaba incluso antes da Guerra Civil), outro rito máis, porque aí saían mozos e mozas solteiros e solteiras en idade de casar; é dicir, coas súas mellores galas para amosar todo o seu poderío.
Dez ou doce parellas saían da Capela de Samede para percorrer a aldea e en todas as casas bailábase o punto da saia, e ao remate no campo da festa, bailábase a devandita muiñeira cruzada, cunha duración indeterminada.
Noutras das personaxes do Entroido de Samede identificábanse os “carolos”, o primeiro traxe que tivo calquera entroido, cunha enagua branca e unha camisa branca. Eran os máis pobres, e proba disto é que os colares eran de millo. Esa personaxe desapareceu para, agora, recueprarse, porque foi o primixenio e lócese con orgullo.



