Home A Coruña Paula Carballeira Cabana recolle o IV Premio Laudamuco por “Dentes de coello”,...

Paula Carballeira Cabana recolle o IV Premio Laudamuco por “Dentes de coello”, “un intento por atraer á xente nova ao teatro”

- Anuncio -

A concelleira de Cultura destaca que “en 4 anos fomos quen de fomentar a redacción de máis de 170 pezas orixinais, cumprindo así o desexo de Vidal Bolaño de poder contar cunha importante escolma de textos teatrais en Galego”

A actriz e escritora Paula Carballeira Cabana (Fene, 1972) recolleu o IV Premio Laudamuco para textos teatrais en galego, que lle foi entregado pola concelleira de Cultura do Concello de Brión, Sandy Cebral Gómez, durante un acto celebrado na noite de onte luns 16 de maio, coincidindo co 44 aniversario da posta en escena de “Laudamuco señor de ningures”, obra de Roberto Vidal Bolaño que marca o nacemento do teatro profesional galego.

Paula Carballeira, actualmente residente en Teo, concorreu ao certame coa obra ‘Dentes de coello”, pola que recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da súa obra, cuxos primeiros exemplares foron entregados onte mesmo entre o medio cento de persoas asistentes. Unha edición realizada por Edicións Positivas que, xunto coa Academia Galega de Teatro, colaboran co Concello de Brión “nesta viaxe de poñer en marcha e manter o premio anual máis importante do teatro en galego”, salientou Sandy Cebral.

Atraer xente nova

No seu discurso de agradecemento, unha emocionada Paula Carballeira agradeceu ao Concello de Brión, á Academia Galega de Teatro e a Edicións Positivas o seu esforzo na convocatoria deste premio: “e importante para a cultura galega en xeral, e para os escritores en particular, sentirnos arroupados”. Carballeira Cabana puxo en valor o teatro porque “fomenta a imaxinación como ningún outro xénero. Ler unha obra de teatro e crear unha posta en escena, unha luz, unhas interpretacións, unha música, uns personaxes… é un xénero completo”.

Sobre a obra gañadora, Paula Carballeira asegurou que con “Dentes de coello” “a miña intención é que, se finalmente se monta, quizais a vise moita xente nove. É un intento por atraer xente nova ao teatro e me gustaría que os que a viran se sentiran reflectidos nela”. Neste sentido, mencionou que para escribir “Dentes de coello” tivo que achegarse ao mundo dos videoxogos, da man duns sobriños “que me explicaron con detalle o ambiente do videoxogos e por iso gustaríame ver a súa reacción cando o visen no teatro”.

“Dentes de coello” é unha obra de terror porque “o terror é un tema que me apaixona. Como loitamos contra eses medos. En Dentes de Coello busquei os terrores que están ao meu redor, e por iso son personaxes facilmente recoñecibles…”. Finalmente, Carballeira rematou o seu discurso agradecendo de novo a convocatoria deste tipo de premios e cun desexo: “gustaríame chegar a estrear esta peza e que todos os presentes poidan desfrutala”.

Promoción do teatro

“Espero que Dentes de Coello poida chegar aos escenarios e contar co seu estreo en Brion”, coincidiu Sandy Cebral, quen fixo tamén “unha mención especial para o Concello de Brión e, en especial, para o departamento de Cultura que teño a honra de dirixir. Asegúrovos que para un pequeno municipio coma Brión non é doado organizar e manter un premio coma o Laudamuco. Non é só un desembolso económico importante, tamén é un importante esforzo de loxística e supón moitas horas de traballo”.

Neste sentido, lembrou que “en catro anos fomos quen de fomentar a redacción de máis de 170 pezas orixinais, cumprindo así o desexo de Vidal Bolaño de poder contar cunha importante escolma de textos teatrais en Galego”. Así mesmo, desculpou a ausencia do alcalde, Pablo Lago, quen non puido acudir por compromisos do seu cargo.

Letras galegas

Francisco Macías, director de Edicións Positivas, destacou que a entrega deste premio Laudamuco teña lugar o 16 de maio, “véspera das Letras Galegas, pois cando hai 44 anos nacía o teatro profesional galego, non era un día festivo, non había pontes e a xente se dedicaba a crear, máis que a facer actos fúnebres como hoxe en día”. Así mesmo, puxo en valor a dramaturxia galega, “a expresión máis valente que hai en Galicia. Hai que estar tolo para dedicarse ao teatro, saír ao escenario, estar pensando en como financiar a seguinte obra… Hai xente en Conxo con menos motivos. É de admiración. A literatura dramática galega é dunha calidade non recoñecida e os autores teñen que dar un paso adiante e dicir: aquí estamos nós”.

Finalmente, Xavier Castiñeira Blanco, secretario do Xurado e en representación da Academia Galega de Teatro, defendeu que este tipo de premios “defenden a cultura, que é a pel do país. E a pel é o que nos cubre, o que nos defende… aínda que ás veces tamén serva para que o lobo poña a pel do cordeiro”. Así mesmo, deu lectura ao ditame do xurado, composto por
Carlos-Caetano Biscaínho-Fernandes, Marta Núñez Aboy, Ánxela García Abalo, Oti Ríos e o propio Xavier Castiñeira Blanco

O xurado destacou “a atmosfera da peza na que o soño, a realidade e a violencia xeran unha
paisaxe dual na que a realidade e a irrealidade se mesturan creando unha peza de gran carga
atmosférica”. A acta do xurado destaca ademais “as grandes posibilidades de posta en escena do texto, na que destacan os xogos de sombras e luces, o espazo sonoro, a carga simbólica das personaxes e o desenvolvemento dunha trama chea de terror e surrealismo semellante ás paisaxes audiovisuais do cineasta David Lynch”.

Primeira gañadora

Paula Carballeira Cabana sucede no palmarés do Premio Laudamuco a Francisco Antonio Vidal Blanco, Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores. Nas súas tres primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019), no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020) e no ribeirense Francisco Antonio Vidal Blanco por “A vinganza de Fortimbrás” (2021).

Paula Carballeira Cabana (Maniños, Fene, 1972) é licenciada en Filoloxía Hispánica cun curso de Posgrao en Arte Dramática na Universidade de Santiago de Compostela. Profesionalmente dedícase ao teatro e á narración oral desde 1994. É integrante da compañía teatral Berrobambán desde 1996, coa que coordinou a programación para público familiar Asteroide B-612, que se desenvolveu na Sala Nada de Santiago de Compostela e no concello de Ferrol.

Os seus últimos proxectos en Berrobambán son “A carreta pantasma”, seleccionado no Festival das Artes Escénicas de Medellín (2019) e “Doppelganger”, coprodución co Centro Dramático Galego e a compañía colombiana Arca de Noe estreada en Santiago en xaneiro de 2019 e seleccionada no Festival das Artes Escénicas de Medellín e no Festival de Artes Alternativas de Bogotá.

Ademais, traballa como actriz ou directora en propostas ocasionais doutras compañías. Ten dirixido os espectáculos “Mundos contados”, “Pequena” e “Rosa Caramela e outras historias” de Talía Teatro. Tamén dirixiu e interpretou a proposta do Centro Dramático Galego para público infantil “A cabana de Babaiagá” (marzo de 2006) e participou como actriz no espectáculo “Desde a sombra. Bufóns e pallasos”, da compañía Magrinyana.

Como dramaturga, o seu traballo máis recente é o texto “Carabela” para a compañía Galeatro, estreado en xaneiro de 2020 e publicado na editorial Galaxia. Ten recibido premios e recoñecementos como: Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) nos anos 2006, 2011 e 2018. Mención Especial do Xurado do III Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Finalista do Premio ASSITEJ de Textos Teatrales para la Infancia y la Juventud (2015).

Nomeada na categoría de Mellor texto orixinal (2007) e na categoría de Mellor adaptación de texto dramático (2016) nos premios María Casares convocados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Finalista nos Premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega na categoría “Mellor obra de teatro” nos anos 2007 e 2014.

Relacionadas

O servizo de axuda no fogar atendeu o ano pasado a 395 veciños e...

0
Entre dependencia e libre concorrencia prestáronse 74.566,59 horas de SAF, que tiveron un custe total de 1,6 millóns de eurosO servizo municipal de axuda...

O Concello da Pobra colabora no proxecto ESCLIMATIC que mide o impacto do cambio...

0
A cooperativa Dálle que Dálle atópase inmersa nun proxecto co obxectivo de crear unha ferramenta interactiva e intuitiva para o autodiagnóstico e a planificación...

Comeza a repoboación da Carballeira de Santa Minia coa plantación de oito novos exemplares

0
Procedentes dun viveiro de Abadín, as novas árbores teñen uns tres metros de altura e están perfectamente equilibrados entre copa e raíz, para facilitar...

O percebe de Aguiño celebra unha nova edición coincidindo co 100 aniversario da Cofradía

0
Os edís Vicente Mariño, Fernando Abraldes, Francisco Suárez-Puerta e Antía Alberte presentaron hoxe a Festa do Percebe de Aguiño xunto a Manuel Ángel Reiriz,...

O Concello de Boqueixón abre o prazo para solicitar as axudas de 400 euros...

0
As familias das crianzas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 1 de xaneiro e o 26 de marzo teñen ata o 10 de abril...

O pleno votará a aprobación definitiva do Plan Parcial AR-S1 que pretende a creación...

0
A promotora tamén solicitou o cambio de sistema de actuación de compensación a concerto. Dous dos asuntos que serán elevados á sesión ordinaria do Pleno...

Publicacións Relacionadas