O candidato á alcaldía aposta por garantir a accesibilidade en todas as actuacións municipais, desde o deseño ata o mantemento, coa participación das entidades sociais, enmarcado nun ambicioso Plan Especial do Terceiro Sector
“Queremos unha cidade amable e cómoda para o conxunto da cidadanía e imos traballar cos colectivos de forma integral, con rigor e visión de futuro, para ter un Concello que protexa este dereito”
Pedro Blanco visitou as instalacións de Cogami, dentro das #ConversasDeBarrio: “queremos que esa experiencia se traduza en políticas públicas e en decisións concretas”
O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, quere converter Santiago “nun referente en accesibilidade para todas as persoas”, na que a accesibilidade estea presente en todas as actuacións municipais, desde o deseño ata o mantemento, coa participación das entidades do terceiro sector. “Queremos un Santiago amable e cómodo para o conxunto da cidadanía e imos traballar co tecido social para incorporar esta medida ao futuro Plan Especial do Terceiro Sector”, remarcou, “porque temos que planificar de forma integral, con rigor e visión de futuro”.
Enmarcada nas #ConversasDeBarrio, visitou este venres as instalacións da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), acompañado polo secretario xeral do PSdeG en Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, e a concelleira socialista e Marta Abal, nas que destacou a importancia de contar co coñecemento e coa experiencia destes colectivos para impulsar unha Compostela na que todas as persoas poidan vivir e desprazarse con autonomía. “Traballaremos nunha proposta ambiciosa que busque eliminar barreiras arquitectónicas, mellorar os itinerarios peonís e garanta un municipio 100% accesible para todas as persoas, especialmente veciños con mobilidade reducida ou discapacidade, pero tamén persoas maiores e familias”.
Pedro Blanco agradeceu o traballo de COGAMI en Santiago, atendendo a centos de veciños e familias, e trasladoulles a importancia do seu labor “para detectar necesidades e buscar solucións que melloren o día a día das persoas”.
Un dos eixes desta proposta será establecer un sistema municipal de verificación da accesibilidade en todas as intervencións que realice o Concello no espazo público. A medida contemplará incorporar puntos de control ao longo de todo o proceso, desde o deseño e a execución ata a recepción e o mantemento das actuacións municipais, contando ademais coa participación das entidades que representan ás persoas con discapacidade. “A accesibilidade ten que estar presente desde o primeiro plano, desde o primeiro proxecto”, sinalou Pedro Blanco.
O candidato lembrou que cuestións aparentemente pequenas poden ter un gran impacto na autonomía das persoas: desniveis inadecuados, pasos demasiado estreitos, bandas táctiles mal colocadas ou tempos semafóricos que non permiten cruzar con seguridade. “Os veciños queren que as cousas funcionen. Queren poder cruzar unha rúa con seguridade, utilizar unha pasarela accesible e empregar servizos públicos con garantías”, sinalou.
A iniciativa forma parte da vontade de Pedro Blanco de reforzar a colaboración co terceiro sector de Santiago, dentro do Plan Especial do Terceiro Sector anunciado polo candidato, para que as entidades sociais teñan unha participación máis activa no deseño das políticas municipais. “O terceiro sector ten moito que achegar e queremos que o seu coñecemento se traduza en políticas públicas e en decisións concretas”, explicou.
“Faremos de Santiago unha cidade que se adapta ás persoas, sen barreiras e con igualdade de oportunidades”, apuntou.
Escoitando ao tecido social
A visita a COGAMI forma parte das #ConversasDeBarrio, a iniciativa coa que Pedro Blanco está a manter encontros diarios con veciñanza, asociacións e entidades sociais, visitando os seus locais e coñecendo directamente a realidade de cada barrio de Santiago. A finalidade desta “intensa conversa” é escoitar, analizar a situación de cada zona e deseñar un proxecto conxunto para Compostela.

