O candidato socialista abordou con veciñas de Vite as súas inquedanzas e destacou que o seu proxecto de cidade busca barrios “nos que sexa doado saír á rúa, atoparse coa veciñanza e seguir sendo parte activa de Compostela”
Enmarcado nas #ConversasDeBarrio, considera necesario reforzar e intensificar o coidado dos espazos públicos e impulsar unha programación integral que favoreza o envellecemento activo
“Queremos un Santiago no que cumprir anos non signifique quedar atrás, senón poder seguir vivindo o barrio, facendo vida na rúa e sentíndose acompañado”
O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, reivindicou un Santiago máis seguro, accesible e acolledor coas persoas maiores da cidade. “Queremos unha Compostela no que cumprir anos non signifique quedar atrás, senón poder seguir vivindo o barrio, facendo vida na rúa e sentíndose acompañado”, remarcou durante a xuntanza con veciñas de Vite, celebrado no marco das #ConversasDeBarrio.
Para o candidato, construír unha cidade amigable coas persoas maiores debe estar dentro das prioridades da acción do goberno municipal. A veciñanza de Vite trasladoulle a necesidade de contar con espazos públicos limpos, rúas ben iluminadas, beirarrúas en boas condicións, ascensores nas vivendas, xardíns coidados ou bancos onde poder descansar, entre outras cuestións. “Precisamos un Concello que escoite á xente maior e proporcione contornas seguras”, demandou Pedro Blanco, que sinalou que poden parecer cuestións pequenas pero que resultan determinantes para que moitos veciños e veciñas poidan saír da casa, desprazarse con seguridade e manter a súa autonomía.
Para iso, considera necesario complementar o coidado do espazo público de Santiago con medidas que impulsen o envellecemento activo, favorezan o encontro entre xeracións e permitan detectar e acompañar situacións de soidade non desexada. Da man das asociacións e colectivos de Santiago, os socialistas elaborarán unha programación integral que favoreza a participación social, o acceso á cultura e ao lecer, a actividade física e as oportunidades de encontro con outras xeracións.
Neste senso, o candidato puxo en valor o papel que desempeñan as persoas maiores na vida comunitaria de Compostela. “Son parte fundamental do tecido social e temos que darlles o protagonismo que merecen”. Así, subliñou a importancia de fortalecer as redes veciñais e de recoñecer o labor de tantas persoas que, desde o compromiso cotián, “axudan a manter viva a comunidade, acompañan a quen o necesita e contribúen a que ninguén se sinta só”.
“Unha cidade que coida das súas persoas maiores é unha cidade mellor para vivir. Queremos barrios nos que sexa doado saír á rúa, atoparse coa veciñanza, participar na vida da cidade e seguir sentíndose parte activa de Santiago”, sinalou.
A través das #ConversasDeBarrio, Pedro Blanco continúa recollendo as achegas da veciñanza e dos colectivos sociais para impulsar un proxecto de cidade que parta da realidade de cada barrio, sitúe as persoas no centro e dea resposta ás necesidades da vida da xente.

