O BNG de Ribeira denunciou onte no pleno ordinario de maio, a estratexia do Partido Popular de querer paralizar a futura residencia pública de maiores no lugar das Saíñas e advertiu de que a recente inmatriculación do parque de San Roque como terreo municipal constitúe “un paso máis” na pretensión do goberno local de trasladar a infraestrutura a unha nova localización, provocando máis atrasos e un importante e innecesario gasto de fondos públicos.
O exalcalde de Ribeira e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, criticou con dureza o intento do executivo local de mudar a localización da residencia ao monte de San Roque. “Trasladar a residencia a San Roque supón comezar practicamente de cero, gastar máis cartos públicos en novos proxectos e informes técnicos e provocar atrasos inxustificados nunha infraestrutura necesaria para as persoas maiores”, afirmou Pérez Barral.
O portavoz nacionalista lembrou que a residencia das Saíñas, en Coroso, conta xa con todos os informes favorables e que “non existe ningún impedimento legal” para construíla.“Se houbese vontade política por parte da Xunta e do PP de Ribeira, a residencia podería estar en obras antes de rematar este ano 2026. O resto son escusas para xustificar unha decisión política”, asegurou.
O BNG acusa ao PP de mentir sobre a legalidade do proxecto
Pérez Barral acusou á alcaldesa de Ribeira de mentir á veciñanza sobre os supostos impedimentos legais para construír a residencia nas Saíñas e lembrou que no pleno a retou publicamente a dicir “que lei prohibe construír nese lugar”, sen obter resposta.
Segundo explicou o BNG, o argumento utilizado pola Xunta de Galiza para paralizar o proxecto —un suposto cambio normativo estatal— foi desmentido oficialmente polo Goberno do Estado tras varias iniciativas presentadas polo Bloque no Congreso dos Deputados.
As respostas oficiais do Executivo estatal confirman que non existiu nin existe ningunha modificación legal que impida construír a residencia na parcela de Coroso, e que tampouco se instou en ningún momento á Xunta a paralizar o proxecto por ese motivo. Esta información coincide ademais co informe emitido polo arquitecto municipal, no que se ratifica que non existe ningunha norma urbanística nin sectorial que impida executar a residencia no emprazamento previsto.
“Estamos diante dunha auténtica sabotaxe política orquestrada polo Partido Popular, empregando a Xunta de Galiza contra os veciños e veciñas de Ribeira para bloquear un proxecto estratéxico impulsado polo BNG no ano 2021”, denunciou Pérez Barral.
800.000 euros públicos xa investidos
O BNG lembrou que o proxecto da residencia pública foi impulsado por Luís Pérez Barral a través dunha iniciativa plenaria no ano 2021 e aprobada por unanimidade no Pleno municipal.
Ata o momento xa se investiron arredor de 800.000 euros de diñeiro público, distribuídos en: 100.000 euros para a compra da parcela das Saíñas, 300.000 euros para o derrubo da antiga discoteca e 400.000 euros na redacción do proxecto da futura residencia. Por iso, a formación nacionalista advertiu de que mudar agora a localización suporía “tirar ao lixo” os investimentos realizados. “Demandamos que o proxecto se execute nas Saíñas. Non podemos permitir que 800.000 euros de cartos públicos acaben perdidos por unha decisión política caprichosa do Partido Popular”, afirmou Pérez Barral.
As Saíñas como mellor localización para as persoas maiores
O BNG insiste en que a localización das Saíñas conta con todos os informes favorables o que permitiría poder licitala este mesmo ano e presenta numerosas vantaxes para as persoas usuarias da futura residencia. A parcela permitiría acceso directo ao paseo marítimo de Coroso, favorecendo o paseo e a actividade física nunha contorna amable e accesible. Ademais, conta cunha mellor conexión co transporte público, coa posibilidade de habilitar unha parada da liña Ribeira–A Pobra do Caramiñal e cun acceso cómodo á autovía do Barbanza. Fronte a isto, trasladar a infraestrutura ao monte de San Roque implicaría novos estudos, novos proxectos técnicos e atrasos considerables.
A Barbanza, cun déficit grave de prazas públicas
O BNG alertou tamén da grave falta de servizos residenciais públicos na comarca da Barbanza, onde actualmente só existe unha residencia pública, situada na Pobra do Caramiñal e con apenas 48 prazas, ademais de dúas de xestión privada.
Nunha comarca de arredor de 67.000 habitantes e con máis de 15.000 persoas maiores de 65 anos, o Bloque considera “inadmisible” seguir atrasando unha infraestrutura tan necesaria.
Ademais, criticaron que a Xunta eliminase dos Orzamentos de 2026 a partida destinada á residencia de Ribeira e preguntaron “onde están os 17,9 millóns de euros anunciados entre 2022 e 2025”.
“Imos loitar onde faga falta para que Ribeira teña a residencia pública que as persoas maiores necesitan e non imos permitir máis atrasos nin máis escusas políticas. Ribeira terá residencia pública e o BNG vai estar defendendo ese obxectivo ata conseguilo” concluíu Pérez Barral.

