Pérez Barral: “O tempo dános a razón co polígono: a Xunta asume agora a fórmula que o BNG defendeu sempre e que o PP paralizou por sectarismo”

Redacción

O BNG cualifica de “auténtico sarcasmo” que o PP intentase culpar ao anterior executivo liderado por Pérez Barral cando en só dous anos desbloqueou as expropiacións e o proxecto de urbanización.

O anuncio de que a empresa pública Xestur asumirá a modificación do proxecto do novo polígono industrial de Ribeira supón, para o BNG, a constatación de que o tempo pon a cada quen no seu lugar. O voceiro municipal nacionalista e exalcalde, Luís Pérez Barral, manifestou a súa alegría xa que esta decisión “confirma palabra por palabra o que defendemos sempre: que o desenvolvemento industrial de Ribeira é unha competencia supramunicipal e que tiña que ser a Xunta de Galiza quen asumise o proxecto de forma directa porque o Concello de Ribeira en solitario non podía asumir ese custo tan elevado”.

Desde o BNG lembran que a historia do solo industrial en Ribeira é a historia de “corenta anos de promesas incumpridas e da incapacidade do Partido Popular de crear solo onde asentar emrpesas”. Pérez Barral botou man da hemeroteca para refrescar a memoria do Partido Popular: “Foi precisamente durante o Goberno do Bipartito na Xunta cando se impulsou decididamente o proxecto do macropolígono do Barbanza, unha infraestrutura estratéxica e de país que o PP de Alberto Núñez Feijóo encargouse de paralizar e gardar nun caixón nada máis chegar ao poder en 2009, condenando ao noso municipio a non ter chan onde asentar empresas e xerar emprego”.

Tras cargar cargarse o macropolígono e ante a inacción da Xunta, foi o Concello de Ribeira quen intentou impulsar un polígono de xestión netamente municipal buscando alternativas que levarían a ir precisamente a Pedras Vermellas que era onde se planificou o macropolígono comarcal. “A estratexia de facer un polígono dende o Concello xa advertimos no seu día que era inasumible para as arcas do Concello de Ribeira pero aínda así toda a Coporación Municipal apoiou o proxecto para que unha vez feito fose a Xunta de Galiza, que é a que ten competencias, asumise a súa realización”, sinala Pérez Barral.

Por iso, os nacionalistas consideran “un exercicio de cinismo político” que o PP intentase responsabilizar ao anterior goberno de coalición liderado polo BNG dos atrasos na infraestrutura. “En apenas dous anos de mandato, fomos capaces de culminar as expropiacións definitivas e aprobar o proxecto de urbanización, deixando resoltos trámites que os gobernos do PP foran incapaces de solucionar en décadas”, recalca o voceiro do BNG, quen lamentou que o tecido empresarial e a mocidade de Ribeira tivesen que sufrir durante corenta anos a marcha de empresas como Cerqueira ou Frinsa, Congalsa e un longo etc. cara a outros concellos pola falta de solo onde medrar.

O “cambio de criterio” da Xunta destapa unha estratexia de sabotaxe

Para o BNG, o feito de que agora a Consellería de Economía e Industria adopte a través de Xestur a fórmula proposta por Pérez Barral —e rexeitada reiteradamente pola Xunta durante o seu mandato— demostra que “existía unha alternativa viable que non se quixo aplicar por puro sectarismo partidista”. “Son tan trapalleiros que tratan de mentir dicindo que non tiñan o proxecto cando llo demos en dúas ocasións, nas reunións mantidas en febreiro de 2024 e na de marzo de 2025 e temos probas que así o corroboran” expuxo Barral.

Segundo Pérez Barral, esta estratexia de asfixia ao anterior goberno municipal non foi illada, senón que “encaixa perfectamente no modus operandi do PP, como xa vimos coa paralización inxustificada da residencia de maiores ou os atrancos constantes de Portos de Galiza para dificultar a celebración das festas de Ribeira”.

O voceiro nacionalista concluíu esixindo máxima celeridade: “Alegrámonos de que a Xunta claudique e aplique por fin a solución que o BNG sempre defendeu, pero non imos permitir máis manobras de distración nin que se perda máis tempo. Estaremos vixiantes para que Xestur execute o polígono coa máxima rapidez e que, tras corenta anos de abandono do PP, Ribeira teña por fin o solo industrial que merece para xerar emprego e futuro”.

Comparte este artigo