Home A Coruña Persoal municipal de Pontedeume, Lousame e Boiro coopera en Mozambique e Cabo...

Persoal municipal de Pontedeume, Lousame e Boiro coopera en Mozambique e Cabo Verde

- Anuncio -
  • Asesorarán en materia de igualdade, acción social e deportes a concellos e organizacións que traballan co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
  • O programa Especialistas en Cooperar reforza os proxectos na África lusófona e o coñecemento doutras realidades a través do intercambio de experiencias

Dous técnicos e unha técnica dos concellos de Boiro, Lousame e Pontedeume desprazaranse no último trimestre do ano a Mozambique e Cabo Verde para colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que os tres municipios son socios, a través do programa Especialistas en Cooperar. Trátase da segunda edición desta iniciativa de cooperación técnica, cuxa resolución se fai pública coincidindo coa conmemoración do Día das Persoas Cooperantes.

As tarefas de Jaime Bello, educador social do Concello de Boiro, van estar vinculadas á promoción do dereito á educación e á saúde da infancia do rural mozambicano que o Fondo Galego leva anos apoiando a través da Fundação Encontro. Participará da vida diaria da Casa do Gaiato, que acolle uns 180 nenos, “traballando principalmente co grupo de mocidade e aplicando sempre a perspectiva de xénero”, comenta o técnico. “Agardo desta experiencia unha aprendizaxe mutua e poñer a disposición do persoal local os meus coñecementos”, engade, recoñecendo que “haberá que adaptarse ás necesidades que se vaian detectando”.

Néstor Romero, técnico de deportes de Lousame, volverá ao municipio de Nhamayábue, onde o ano pasado viviu “unha experiencia única e tremendamente enriquecedora”, asegura. Alí puido comprobar que “esta vila aposta polo deporte como ferramenta integradora, educativa, saudable…”. “O que me motivou a volver foron as persoas do lugar e estou encantado de poder contribuír coa miña experiencia ao desenvolvemento desta sociedade”, engade. Agora continuará traballando na elaboración dun programa deportivo que involucre a todas as faixas de idade, ademais de impartir formacións. Ao tempo, aproveitará para supervisar o proxecto de abastecemento de auga que o Fondo Galego financiou na zona.

Pola súa banda, Marián Castro candidatouse á praza en Cabo Verde despois de participar o ano pasado no II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, organizado no arquipélago africano en colaboración coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos. A psicóloga do Concello de Pontedeume terá entre os seus cometidos “contribuír ao fortalecemento das capacidades municipais para promover a saúde nun sentido amplo”, explica. “Darei o máximo a nivel técnico, partindo dos meus anos de experiencia neste ámbito, pero tamén agardo impregnarme da cultura caboverdiana”, engade a técnica de Servizos Sociais.

Cooperación técnica
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.

A través de Especialistas en Cooperar e mais do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, desde o ano 2005 un total de 50 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfiguración do programa, que se retomou o ano pasado tras ficar suspendido por mor da Covid-19, busca potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 25 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.

Relacionadas

Tres citas en San Sadurniño con motivo das Letras Galegas

0
A poeta Yolanda Castaño participará o mércores nun encontro literario arredor da figura de Luísa Villalta, protagonista do 17 de Maio Poeta, narradora, dramaturga, ensaísta,...

O Concello da Pobra emite informe desfavorable á declaración de interese autonómico para o...

0
A solicitude de declaración de interese autonómica para o proxecto de ampliación de Escurís S.L. formulada pola corporación Jealsa tradúcese nun informe desfavorable por...

O alcalde e a deputada provincial de infraestructuras viarias analizan na Laracha as actuacións...

0
O rexedor trasladoulle a plena disposición de colaborar entre administracións para beneficio xeral da cidadanía. A deputada provincial responsable das áreas de Infraestruturas Viarias e...

O concello festexará as Letras Galegas con unha ampla programación municipal

0
Tamén haberá espectáculos infantís e protagonismo para as clausuras de cursos do programa cultural municipal. O Concello presenta a programación municipal que se vai realizar...

O venres ábrese a inscrición para participar en “Xogade coas motos” O 25 de...

0
A actividade é organizada por VFM Motoclub co apoio do Concello, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Motociclismo. Este venres...

O concerto “Los 40 Santiago Pop” e a orquestra Panorama abren as Festas da...

0
As festas compostelás por excelencia arrancarán mañá co concerto de "Los 40 Santiago Pop" que reunirá na praza da Quintana a partir das 21:00...

Publicacións Relacionadas