HomeA CoruñaPonteceso homenaxea o 250 aniversario da expedición da goleta Sonora ás costas...

Ponteceso homenaxea o 250 aniversario da expedición da goleta Sonora ás costas de Alaska co cormelán Francisco Mourelle como piloto

- Anuncio -spot_img

· Do 11 de xullo ao 15 de agosto, o Concello e a Asociación Cultural Ínsua de Viastela, en colaboración coa Deputación da Coruña, presentan unha ampla programación de actividades que van dende exposicións e conferencias ata arte urbana e actividades ao aire libre.

· Francisco Mourelle foi o piloto da embarcación, cuxa viaxe permitiu completar importantes achegas cartográficas, científicas e etnográficas, especialmente dos pobos indíxenas de Alaska.

· A concelleira de Cultura, Raquel Fondo, afirma que “queremos que a veciñanza, sobre todo a mocidade, coñeza e se sinta orgullosa dos logros Mourelle”.

O Concello de Ponteceso e a Asociación Cultural Ínsua de Viastela, en colaboración coa Deputación da Coruña, presentan unha ampla programación de actividades con motivo do 250 aniversario da expedición da fragata Sonora, na que participou o mariñeiro cormelán Francisco Antonio Mourelle. A efeméride será lembrada cun conxunto de eventos divulgativos e culturais que se desenvolverán entre o 11 de xullo e o 15 de agosto en distintas localizacións de Corme, con especial presenza no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (MACCMO).

A programación comezará o día 11 de xullo, ás 19:30 horas no MACCMO coa inauguración da exposición “Mourelle en Alaska”, que inclúe varias maquetas de barcos veleiros do século XVIII cedidos pola Asociación de Modelistas Navais de Galicia (AMONAGA). A seguinte actividade será o día 17 de xullo, tamén ás 19:30 horas no MACCMO, e consistirá nunha conferencia impartida por Suso Lista e María Suárez que leva por título “Expedición a Alaska”.

O programa continuará o 25 de xullo e repetirase o 15 de agosto, con sendos paseos históricos polo Corme de Mourelle. Ambas as dúas rutas sairán ás 11:30 horas da Fonte do Campo e permitirán afondar na figura do insigne mariño local e no contexto da súa época.

Xa en agosto, o día 7 entre as 11:00 e as 14:00, o MACCMO acollerá unha xornada de portas abertas titulada “Tótems da cultura tinglit e Mourelle”, que ofrecerá unha aproximación á cultura indíxena coa que o mariño galego entrou en contacto durante a súa expedición.

Finalmente, o 8 de agosto ás 19:30 horas na MACCMO, celebrarase unha nova sesión divulgativa. Nela, Adrián Brandariz impartirá a charla “Contexto histórico da expedición”, e Daniel Caramés abordará a “Xenealoxía de Mourelle”, achegando ao público as claves familiares e históricas no navegante.

Adicionalmente, hai outras dúas actividades que non teñen aínda unha data definida, pero que tamén forman parte da programación. A primeira delas é a visita da reconstrución do patache Juanita, embarcación do século XVIII creada pola Factoría Marítima Vasca Albaola, de Pasaia. A segunda é o pintado dun mural conmemorativo elaborado polo artista Primo Rodríguez.

A concelleira de Cultura de Ponteceso, Raquel Fondo, afirmou que, con esta iniciativa conxunta coa A.C. Ínsua de Viastela “preténdese poñer en valor unha das figuras máis relevantes da nosa historia, Francisco Mourelle, e facémolo cun programa que combina rigor histórico, divulgación e participación cidadá”.

Sobre esta programación, Fondo insiste en que “está deseñada para chegar a todos os públicos: temos conferencias, exposicións, visitas, arte urbana e actividades ao aire libre. Queremos achegar esta historia dun xeito vivo, próximo e atractivo”.

A viaxe da Sonora e Francisco Mourelle

A expedición da que se conmemora o 250 aniversario tivo lugar no ano 1775, e tiña como obxectivo principal explorar e reclamar para a Coroa española as costas do noroeste de América, dende o actual México ata Alaska, nun momento no que a presenza rusa na zona aumentaba. A Sonora, tamén chamada “La Señora”, era un pequeno patache de apoio da expedición liderada por Bruno de Heceta. A bordo ía o cormelán Francisco Mourelle como piloto. A misión permitiu facer importantes achegas cartográficas e etnográficas, e foi a primeira vez que se estableceron contactos documentados entre españois e os pobos indíxenas tinglit de Alaska.

A edil de Cultura fai unha reflexión afondando no “emocionante que é pensar que un veciño noso chegou tan lonxe nun tempo no que o mundo aínda estaba por explorar. Queremos que a veciñanza, e sobre todo a mocidade, coñeza e se sinta orgullosa das fazañas de Mourelle”.

Publicacións Relacionadas