O BNG de Ribeira lamenta profundamente o voto en contra de PP e PBBI á proposta presentada polo executivo municipal para aprobar as subvencións nominativas correspondentes ao ano 2025. Esta decisión supón bloquear 353.000 euros destinados directamente ao funcionamento de entidades sociais, culturais, deportivas, comerciais e veciñais do noso municipio.
Trátase dun feito especialmente rechamante que o Partido Popular non as aprobe cando non só se manteñen as que incluía o PP nos seus anos de mandato, senón que hai máis entidades sociais beneficiadas e con maior importe. Estas subvencións contaban historicamente cun consenso maioritario por parte da Corporación Municipal. Agora, por interese partidista, PP e PBBI deciden impedir que estes fondos cheguen ás entidades que dan vida, apoio e servizo á sociedade ribeirense.
Dos 50.000 euros de incremento con respecto ao ano anterior, 40.000€ correspóndense cunha obriga aprobada por unanimidade en Pleno para o Encontro de Embarcacións Tradicionais organizado por Culturmar –de carácter puntual neste exercicio–, e os 10.000€ restantes proceden dun acordo adoptado pola Mancomunidade de Concellos da Arousa Norte. Polo tanto, non existe tal incremento estrutural no gasto senón o cumprimento de compromisos institucionais xa asumidos.
A proposta presentada en Pleno non era un mero trámite técnico: respondía á necesidade de ratificar expresamente as subvencións debido a que o Concello se atopa cun orzamento prorrogado. A súa aprobación era imprescindible para que estas entidades puidesen recibir as axudas públicas. “Negarse a iso é negarse a apoiar a persoas e colectivos que traballan a diario a favor da veciñanza, da cultura, do deporte ou do comercio local”, asegurou Rafa Pazos, responsable do BNG.
Ademais, a proposta incorporaba por primeira vez a posibilidade de que as entidades cobrasen até o 50% das achegas de maneira anticipada, facilitando así a súa viabilidade financeira e evitando que teñan que adiantar cartos por actividades de gran custo. Esta foi unha medida demandada polas propias asociacións e que o BNG impulsou co ánimo de mellorar a relación institucional co tecido asociativo.
Entre as entidades afectadas polo bloqueo están organizacións que traballan na inclusión da diversidade funcional, na atención a persoas sen recursos, na loita contra a drogadicción, no impulso da cultura e das festas populares, no apoio ao pequeno comercio e na defensa da nosa identidade marítima e patrimonial.
Desde o BNG reiteramos o noso compromiso co tecido asociativo de Ribeira, que xoga un papel esencial na vida cotiá do noso concello. Continuaremos traballando para que estas achegas sexan desbloqueadas canto antes e que as entidades non sexan vítimas do bloqueo político e do cálculo electoralista.
As subvencións bloqueadas son as seguintes:
Ambar, Amicos, A Creba, Faiben, Asociación Antidroga Renacer, Cáritas, Asociación Española contra o Cancro, Cruz Vermella, ICE Renovación, Asociación para o Acompañamento Persoal e Educativo. Cada unha levaría 3.400 euros.
Confraría da Dorna con 40.000€, Confraría de Carreira e Aguiño pola Festa da Navalla con 15.000€, Asociación Cultural O Serriño pola festa da Navalla con 4.000€, Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo por 5 días de Mostra Internacional de Cine con 18.000€, Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza con 40.000€, Museo do Gravado de Artes con 15.500€, Museo Etnográfico de Artes con 15.000€, Liceo Marítimo con 2.500€, Museo do Pobo Galego con 150€.
Asociación de Empresarios de Ribeira con 45.000€, Asociación Reventapistóns con 5.500€).
Universidade de Santiago de Compostela polo programa de maiores con 18.000€.
Club Náutico de Ribeira pola escola de vela con 3.500€, Lajareu por Barlovento promoción da vela tradicional con 2.000€.
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade con 2.100€, FEGAMP con 2.000€, FEMP con 2.000€, Fundación Galega contra o Narcotráfico con 2.500€, Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla con 601€, Mancomunidade Arousa Norte con 65.000€, Cidades pola Bicileta con 600€, Red Innpulso con 1.500€, Grupo de Acción Costeira con 1.000€, Eixo Atlántico con 12.600€, Agrupación Desenvolvemento Local con 5.050€.