Hoxe tivo lugar a presentación desta Gala Solidaria a beneficio da AECC (Asociación Española Contra o Cancro) de Ribeira na que estivo presente o alcalde en funcións, Vicente Mariño, a concelleira de Cultura, Antía Alberte, a presidenta AECC de Ribeira, María José Carreira, a vicepresidenta da mesma, Ramona Paz máis xerente de Mimarte, Tania Fuegho.
O tenente de alcalde introduciu esta gala solidaria “neste caso como tamén concelleiro de Servizo Socias é unha honra participar e colaborar coa Asociación Contra o Cancro como ven sendo habitual en calquera evento que organizan a concellería está sempre á vosa disposición en todo o que sexa necesario tanto dende Servizos Sociais como na concellería de Sanidade”, finalmente Vicente Mariño animou a toda a veciñanza a que participe nesta gala benéfica o vindeiro 8 de febreiro ás 20.00 h.
Mariño cedeulle a palabra á concelleira de Cultura que comezou parabenizando a proposta e sinalando que “o auditorio está aberto para que as diferentes entidades de carácter social do municipio desenrolen os actos necesarios para difundir as súas iniciativas á veciñanza”.
A continuación Tania Fuegho, xerente da academia de baile “Mimarte” dou as grazas ao concello por acoller sempre as propostas e iniciativas que se propoñen e adiantou que a Gala “vai a ser unha especie de “Noche de Fiesta” de José Luis Moreno pero ao estilo Mimarte con baile, música, humor, amor e sobre todo diversión”.
Para rematar María José Carreira, informou que as entradas serán a un prezo simbólico de 5 euros e para poder mercalas haberá dous puntos de venda; un na propia sede da Asociación Contra o Cancro de Ribeirana rúa Estatuto nº 1 e o outro no espazo Mimarte na Avda. Rosalía de Castro nº 54.
Carreira explicou que os derradeiros datos publicados sinalan que a nosa comarca é unha das zonas con máis incidencia de cancro en Galicia, tendo en conta istos datos, dende a asociación “traballaremos con máis forza se cabe para recadar máis fondos para fomentar a investigación, xa que é un dos nosos obxectivos máis importantes”.
Poderase mercar entrada de fila cero para persoas que non poidan asistir á Gala e queiran colaborar con este espectáculo solidario, tamén o mesmo día 8 no auditorio tamén se poderán mercar as entradas.
“Para nós é un día moi especial este 4 de febreiro, o Día Mundial Contra o Cancro e a maiores dista Gala tamén temos programado unha serie de eventos como a colocación dunha mesa informativa na rúa de Galicia no mesmo día 4, uns obradoiros de manexo da ansiedade e relaxación que se levará a cabo na nosa sede, e tamén en colaboración ca Parroquia de Ribeira teremos unha misa solemne para lembrar a toda a veciñanza que sufriu un cancro durante o pasado ano 2024 a misa será cantada pola Coral Polifónica do Circulo Mercantíl o día 9 de febreiro ás 12.30 h”, rematou María José dando as grazas ao concello, á Mimarte e a toda a xente solidaria de Ribeira.