HomeA CoruñaPresentadas 36 propostas no concurso convocado polo Concello de Carballo e o...

Presentadas 36 propostas no concurso convocado polo Concello de Carballo e o Colexio de Arquitectos de Galicia para o deseño do edificio de entidades sociais

- Anuncio -spot_img

Nesta primeira fase serán seleccionados catro ideas, entre as cales será elixido o proxecto gañador

O Concello de Carballo recibiu 36 propostas no concurso convocado en colaboración do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) para o deseño do futuro edificio para entidades sociais. O xurado -formado polo alcalde, como presidente; dous arquitectos designados polo Concello de Carballo, dous nomeados polo COAG e un dos servizos técnicos da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, e a secretaria municipal, con voz pero sen voto- reunirase no mes de agosto para iniciar o proceso de selección das catro ideas que pasarán á segunda fase.

A proposta gañadora será a adxudicataria do contrato de servizos para a redacción do proxecto e a dirección de obra por un importe de 205.880 euros, dos cales o seu autor recibirá 9.680 a conta como primeiro premio. O segundo será gratificado con 7.260 euros, e tanto o terceiro coma o cuarto están dotados con 4.840 euros.

O obxectivo do concurso é seleccionar a mellor proposta arquitectónica para a construción dun inmoble de 1.620 metros cadrados, que se situará no solar que ocupaban as antigas casas dos mestres, unha praza de acceso e a reurbanización da rúa Darwin. O orzamento da obra está estimado en 3.455.760,00 €.

No deseño final deberán terse en conta unha serie de criterios establecidos no propio concurso de ideas despois de recoller as demandas presentadas polas entidades sociais que amosaron interese en ocupar o futuro inmoble: Vieiro, Cruz Vermella, Asociación contra o cancro, Aloumiños e Un paso máis, ademais de Afaber, que xestionará un centro de día para persoas afectadas polo alzhéimer, e o Centro de Información ás Mulleres (CIM), que tería a súa sede administrativa no edificio. Ademais dos espazos particulares haberá outros comúns, entre eles salas de reunións, almacéns, aulas e un auditorio con capacidade para 120 prazas. Darlle a forma axeitada a esta proposta, con criterios de integración social e urbana, é o gran reto ao que se enfrontan as 36 ideas presentadas ao concurso.

Publicacións Relacionadas