HomeA CoruñaPresentados os proxectos da Pobra para incluír no POS+2021

Presentados os proxectos da Pobra para incluír no POS+2021

- Anuncio -spot_img

O goberno pobrense avanzou neste mediodía os proxectos que se enmarcarán no Plan Único (POS+2021) da Deputación da Coruña, polo cal corresponderán ó Concello 318 971’08 euros. Segundo explicou a concelleira da Facenda, Charo Varela (Nós Pobra), esta contía destinarase a varias actuacións no municipio, sen necesidade de dedicar ningunha cantidade para o pagamento a provedores ou provedoras, pois afirmou que non existen débedas neste eido. Máis polo miúdo, explicou que se dedicarán 187 241’34 euros ó financiamento de gastos correntes; 87 148’47 euros irán a investimentos financeiramente sostibles, ós cales hai que suma-los 42 098’01 euros proporcionados pola Administración local; e 44 581’27 euros serán para a redución da débeda con entidades financeiras. No que respecta ó Plan Complementario, indicou que se participará coa reforma e ampliación do centro sociocultural do Camiño Ancho polo valor de 297 261’39 euros.

Seguidamente a súa homóloga dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), detallou que os 113 479’60 euros do apartado específico vinculado ó financiamento dos gastos sociais extraordinarios se distribúen da seguinte maneira: 15 000 euros para axuda de emerxencia, a cal consiste nun pagamento único para situacións transitorias de necesidade; 30 000 euros á compra de alimentos, reforzando o actual servizo para a veciñanza máis vulnerable do concello; 30 000 euros para a adquisición de medios de prevención contra a COVID-19, principalmente destinados para as persoas traballadoras deste departamento; 12 000 euros para o alugueiro dunha vivenda de emerxencia; e 43 800 euros para un comedor sobre rodas, o cal consistirá en leva-lo xantar á casa daquela veciñanza que o precise e solicite, ademais de ter que cumprir unha serie de requisitos nos cales xa está traballando actualmente o equipo técnico. Rematou a súa intervención expoñendo que “son unha batería de accións que supoñen un pulo e unha aposta bastante importante deste goberno polos Servizos Sociais.”

Pola súa parte, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), destacou os tres proxectos adscritos a investimentos financeiramente sostibles. Primeiramente, focalizouse na mellora da accesibilidade ó parque infantil do Camiño Ancho por 33 006’57 euros (23 148’47 por parte da institución provincial e 9 858’10 da Administración local) para, posteriormente, debulla-la rehabilitación do parque infantil da praia da Lombiña, unha actuación “moi demandada pola veciñanza da zona.” Constará dunha área con caucho e dotarase de novo mobiliario e xogos para as crianzas, o cal comporta un importe de 48 060’72 euros (32 000 da Deputación e 16 060’72 do Concello). E, finalmente, a dotación da rede de pluviais e pavimentación en Tarrío, cun orzamento de 48 179’19 euros (32 000 do ente provincial e 16 179’19 da Administración local). Canto a estas intervencións, aclarou que non requiren licitación, polo cal se axilizará a tramitación e, en consecuencia, a súa execución.

Por último, a edil da Sanidade, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), salientou que o referido plan permitirá levar a cabo unha serie de medidas “necesarias e demandadas polos nosos veciños e veciñas.” Neste senso, declarou que entende como “moi importante” fortalece-lo orzamento do gasto corrente ante a incerteza debido á situación sanitaria ocasionada polo coronavirus. Así mesmo, anunciou que haberá partidas para a Área da Cultura, polo que se está efectuando o estudo de varias accións.

Estas cuestións figuran na orde do día do pleno ordinario que terá lugar na tarde de mañá, mércores 3.

Publicacións Relacionadas