Arredor de 200 veciños e veciñas de Lousame participaron na tarde noite de onte do xa tradicional Cocido e Baile de Entroido, organizados polo Club de Xubilados de Lousame no local que a asociación ten en Aldeagrande. A gran maioría dos maiores acudiu disfrazada e con moitas gañas de desfrutar dunha festa que comezou cun xantar a base de cocido: lacón, chourizo, costela, orella e grelos.
O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, e os concelleiros de Cultura, Silvia Agrafojo, e de Obras, Ramón Martínez, agradeceron o convite realizado pola asociación, poñendo en valor o traballo da xunta directiva do Club á hora de organizar actividades para o desfrute das persoas maiores de Lousame. Despois do xantar, as persoas presentes desfrutaron dunha ampla sobremesa con doces típicos do Entroido como orellas e filloas.
E para rematar a xornada, moitas delas se animaron a botar unhas bailas ao ritmo da música interpretada polo grupo Aires de Broña, mentres tiña lugar tamén o tradicional sorteo de cestas de agasallo, conseguidas pola xunta directiva da asociación Club de Xubilados de Lousame.



