O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club Piragüismo Narón, Óscar Niebla, presentaron hoxe a quinta regata do IV Circuíto Deputación da Coruña de Piragüismo en augas tranquilas, que se disputará na cidade este domingo, día 21. O evento desenvolverase entre as 15:00 e as 19:00 horas na enseada de Xuvia e participarán no mesmo un total de 280 deportistas procedentes de dez clubs da provincia. A de Narón será a última proba deste evento provincial, onde se decidirá a clasificación final, tal e como indicaron dende a organización.
O circuíto disputarase nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e cadete e hai unha inscrición, tal e como indicou Niebla, na junior/sénior/veteranos que non é puntuable para o circuíto. O presidente do club de piragüismo local especificou que se trata dunha competición “para iniciación neste deporte, como unha toma de contacto na competición para os deportistas” e explicou que se realizará un percorrido lineal con distancias de entre 1.500 e 3.000 metros e con unha ou tres voltas, en función da categoría.
Participarán no evento deportistas dos clubs de piragüismo Cabanas KDM, Ribeiras do Tambre, Náutico de Miño, As Pontes, Firrete, Rianxo, Rías Baixas-Boiro, Betanzos, do anfitrión, o de Narón, e a Sociedad Deportiva As Xubias.
O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, recordou que se habilitaron dúas áreas de estacionamento, unha nas inmediacións da igrexa de Santa Rita de Xuvia e outra na zona de Neda para as persoas que acudan a ver a competición. O edil naronés destacou a elevada participación neste evento e tamén o feito de que se desenvolva na cidade, destacando a implicación do club local. Así mesmo, animou ás veciñas e veciños a acudir a apoiar aos deportistas da proba e desexou de antemán sorte ao equipo local.