Preto de 900 persoas sumaron os seus pasos á Andaina Solidaria de Neda para dar vida

adminON
Lectura mínima de 3

O alcalde, Ángel Alvariño, e a edil de Igualdade e Deportes, Ángeles  Puentes, facían entrega á Asociación Española contra o Cancro do  cheque coa recadación das inscricións, que sumaron 5.210 euros 

Preto de 900 persoas de todas as idades sumaron  esta mañá os seus pasos para dar vida na VII Andaina Solidaria de Neda. Unha  iniciativa coa que se busca recadar fondos para colaborar na loita contra o cancro,  dirixindo os fondos das inscricións, nesta edición, á Asociación Española contra o  Cancro.  

Organizada polo Concello de Neda e persoas voluntarias, ás que se suman ano  tras ano negocios e comercios locais, partía ás 11 horas das inmediacións do  Albergue de Peregrinos. O tempo acompañou, e nun ambiente festivo, o  percorrido, de 5 km e apto para todas as condicións físicas, transcorría polo paseo  marítimo, Albarón, Ponte Grande, Santa María, e regreso ao Albergue. 

Neste punto, o alcalde, Ángel Alvariño, e a concelleira de Igualdade e Deportes,  Ángeles Puentes, facían entrega á presidenta da delgación ferrolá da AECC, Isabel  Estevan, dos fondos recadados: un cheque por valor de 5.210 euros, que  permitirán colaborar co financiamento dos servizos de atención aos pacientes  oncolóxicos que presta a entidade, e tamén, apoiar os proxectos de investigación  contra esta enfermidade. 

Ademais, a organización quixo premiar a participación masiva da cidadanía, e  concedía un galardón especial ao grupo máis numeroso: Campeonas de la vida,  que repetía o recoñecemento, este ano con nada máis e nada menos que 111  integrantes. E A Canteira de Neda tamén levaba un detalle para corresponder o  apoio recibido. 

Como colofón ao acto, no que actuou como mestre de cerimonias o cantante  Geno, celebrouse o sorteo de agasallos cedidos por unha morea de  establecementos comerciais e de hostalería da zona: Estanco de Neda, Farmacias  Portela, Panadería Santa Rita, Din&Don Narón, Covirán Celina, Bohéme, Centro  de Fisioterapia Higea, Panadería La Gallega, Café Bar Albarón, Café Bar Chámalle como Queiras, Ventanas Covial, Fuente del Val, Electrodomésticos Antonio Pena e Lu Nails. 

Comparte este artigo