HomeA CoruñaPrimeira fin de semana da ruta de tapas “O estaleiro nas tabernas”,...

Primeira fin de semana da ruta de tapas “O estaleiro nas tabernas”, ao abeiro do proxecto Fene 1941

- Anuncio -spot_img

Cinco locais ofrecerán elaboracións inspiradas nos sabores de mar este venres 10 e sábado 11 de outubro

O proxecto “Fene 1941. A historia viva desde o estaleiro” arrinca esta fin de semana coa primeira cita gastronómica da ruta “O estaleiro nas tabernas”, unha proposta que combina tradición mariñeira, gastronomía e música popular, e que forma parte do programa promovido polo Concello de Fene.

Nesta primeira quenda, que se desenvolverá os días venres 10 e sábado 11 de outubro, entre as 20.00 e as 22.00 horas, participarán os locais O Enxebre, Arrecendo, A Ponte, Lembranza e CMIU Fene (estes dous últimos só o venres). Cada establecemento ofrecerá unha tapa elaborada con produtos do mar ao prezo de 2,50 euros, inspirándose nas receitas e sabores tradicionais da nosa ría.

As propostas desta primeira fin de semana serán:

O Enxebre: “Guiso de chocos” (día 10) e “Mexillóns ao vapor” (día 11).
Arrecendo: “Torrada sonrosada”, co mexillón como gran protagonista.
A Ponte: “O tesouro de Neptuno”, con pastel de marisco, mexillóns, zamburiñas e gambas.
Lembranza: “Mare crocante”, con gambas e chipiróns.
CMIU Fene: “O círculo do mar”, pemento do piquillo recheo de gamba e mexillón da ría.
A ruta continuará a fin de semana do 17 e 18 de outubro, sumándose a esta ruta os establecementos Vagalume e Son da Cociña, e coa presenza da música tradicional galega a cargo dos grupos de cantos de taberna Agrupación Liga de Amigos de Barallobre e Son de Cantos, que amenizarán a actividade.

A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta ruta de tapas é unha maneira fermosa de unir gastronomía, historia e cultura popular. Recupera o espírito das antigas tabernas do estaleiro, promove o consumo de produto local e ofrece á veciñanza e visitantes unha experiencia diferente e auténtica”.

O proxecto Fene 1941 desenvólvese nos anos 2024 e 2025 e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e nun 30% pola Consellería do Mar (Xunta de Galiza).

Publicacións Relacionadas