HomeA CoruñaRematadas as obras de recuperación do azude do río Tambre na área...

Rematadas as obras de recuperación do azude do río Tambre na área recreativa da Presa de Frades, nas que a Xunta investiu 50.000 euros

- Anuncio -spot_img

A delegada da Xunta, Belén do Campo, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, supervisaron esta mañá os traballos

A delegada da Xunta, Belén do Campo, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, supervisaron este mañá as obras de recuperación do azude do río Tambre, na área recreativa da Presa, na parroquia de Ledoira (Frades). Unhas obras finalizadas a finais de novembro e que foron financiadas integramente pola Consellería de Medio Ambiente, que achegou 50.000 euros para a mellora deste elemento hidráulico tradicional e da súa contorna fluvial, mentres que o Concello de Frades se encargou de realizar o proxecto técnico.

A actuación foi posible grazas a un convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Roberto Rey. Ao seu abeiro, Augas de Galicia asumiu o financiamento da intervención que permitiu restaurar un tramo de 15 metros do encoro. Os traballos consistiron na desmontaxe e baleirado do encoro e o desvío provisional da auga. Acto seguido procedeuse á reconstrución do azude mediante a escavación de pozos para cimentacións ata unha profundidade de 2 metros e reconstrución do azude de pedra mediante un muro de escolleira de bloques de pedra granítica careada de entre 400 e 800 kg.

Este encoro, ademais de dar servizo no seu día a unha antiga central hidroeléctrica situada no concello do Pino, crea unha zona idónea para o baño, orixe dunha das primeiras praias fluviais do municipio de Frades: a área recreativa da Presa, moi frecuentada pola veciñanza. O azude quedara moi deteriorado debido ás enchentes e temporais do inverno de 2024, de xeito que gran parte do encoro foi derrubado pola forza da auga.

Posta en valor da zona

Durante a visita, Belén do Campo salientou que esta obra permitiu devolver ao espazo “todo o seu valor ambiental e funcional”, favorecendo ao mesmo tempo un uso responsable e seguro dun entorno fluvial moi frecuentado pola veciñanza e por visitantes para actividades de lecer. A actuación enmárcase na Estratexia para a posta en valor das contornas fluviais, impulsada pola Xunta, que busca recuperar e mellorar elementos construtivos tradicionais e funcionais presentes nos ríos galegos (como represas, pontes peonís ou pasarelas) que forman parte do patrimonio hidráulico e do legado histórico-etnográfico dos concellos. Coa finalización destes traballos, a Xunta e o Concello de Frades avanzan conxuntamente na posta en valor do seu patrimonio natural e hidráulico, contribuíndo á mellora da calidade de vida da cidadanía e á protección das contornas fluviais do municipio.

Pola súa banda, Roberto Rey agradeceu á Xunta de Galicia “a colaboración ofrecida para poñer en valor unha das zonas de lecer máis coñecidas e concorridas de Frades” e agarda “poder asinar en breve o convenio de colaboración da outra actuación moi importante para o municipio e xa comprometida pola Consellería de Medio Ambiente, como é a ampliación da potabilizadora de Ponte Carreira”.

Na súa visita desta mañá, Belén do Campo e Roberto Rey estiveron acompañados pola directora territorial da Consellería de Medio Ambiente, Pilar Arias, e polos concelleiros de Medio Rural, Manuel Ferreiro; Patrimonio, Juan Carlos Portos; e Turismo, Jesús Francos.

Publicacións Relacionadas