Rematan as obras de remodelación do carril bici de Someso, que mellora as conexións co campus de Elviña

adminON
Lectura mínima de 3

O Concello renovou de maneira integral este percorrido dentro da política  do Goberno de Inés Rey de apostar pola mobilidade ciclable 

O Concello rematou os traballos de remodelación do treito  de carril bici existente no barrio de Someso, que tiñan o obxectivo de mellorar e ampliar esta  infraestrutura e conectala coa rede ciclable que chega ao sector leste do campus  universitario de Elviña. 

Os traballos centráronse en dar continuidade ao treito de carril bici da avenida da  Universidade, construído e habilitado a mediados do ano pasado. Desta forma, ampliouse o  percorrido actual bordeando o CIFP de Imaxe e Son, a rotonda da propia avenida e a  glorieta da rúa José Pascual López Cortón, conectando este novo treito de carril bici cun xa  existente, mais infrautilizado ata a actualidade: o que transcorre en paralelo ás ramplas de  acceso e saída do aparcadoiro do centro comercial Espacio Coruña. 

Coa súa renovación, o Goberno de Inés Rey mellora este percorrido dándolle unha sintonía  coa estética xeral da rede ciclable da cidade, na que predomina o pavimento diferenciado  en cor granate, para facilitar a distinción das persoas usuarias con respecto ás zonas de  paso das e dos ciclistas. Neste sentido, o Concello tamén acometeu as tarefas de pintura necesarias para a sinalización horizontal dos puntos nos que haxa pasos de preferencia  peonil. 

Esta intervención forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey cos  veciños e veciñas do barrio de Someso. A folla de ruta para mellorar os espazos públicos do  distrito tamén supuxo, meses atrás, a creación da primeira estación de BiciCoruña na propia  avenida da Universidade, fronte ao recinto ferial ExpoCoruña.

A mellora e ampliación do percorrido do carril bici de Someso permite que as persoas  usuarias do mesmo cheguen ao campus universitario de Elviña. Concretamente, á contorna  do pavillón polideportivo da Universidade da Coruña (UDC), a escasos metros do estadio  universitario e as pistas de atletismo. A conexión ciclista de Someso co campus de Elviña é  posible grazas á senda ciclable que, partindo desde a rúa Lamelas, pasa baixo o viaduto da  avenida García Sabell e, a continuación, continúa por baixo da rede ferroviaria na que se  atopa o apeadoiro Elviña-Universidade.

Comparte este artigo