Ribeira acolleu a presentación da novela gráfica de Óscar Losada e Alba Ceide sobre a filóloga Margot Sponer

Redacción
Lectura mínima de 4

 O acto literario desenvolveuse no Lustres Rivas co apoio do Concello

O público de Ribeira coñeceu a novela gráfica A tese de Margot, de Alba Ceide e Óscar Losada, durante a presentación celebrada na tarde de hoxe no Centro Cultural Lustres Rivas a dúas semanas de conmemorar o Día Internacional do Libro.

Trátase dunha obra pertencente ao xénero biográfico que permite achegarse á vida e traxectoria dunha investigadora en lingua galega
de comezos do século XX. Aquí, van da man o talento da debuxante de banda deseñada xunto coa palabra escrita do xornalista para achegar a historia da filóloga alemá Margot Sponer.

A concelleira de Educación e Promoción da Lingua, Nucha Brión, foi a encargada da dar inicio ao acto literario. “Considero que é unha lectura moi interesante e amena para o público en xeral, pero, especialmente, para os máis novos. Tamén é un exemplo de como o galego vai gañando terreo na banda deseñada, a cal vai collendo máis pulo, e de especial recoñecemento aos seus autores tratar o xénero biográfico en versión cómic”, declarou a edil.

Durante a súa intervención, a Brión tamén manifestou que se trata dunha obra que “demostra que a literatura tamén funciona como mecanismo educativo fundamental non só para a transmisión de información, senón tamén como unha ferramenta pedagóxica que permite crear o hábito lector e desenvolver o espírito crítico e a creatividade.”

A través das páxinas deste cómic, o lector acompañará á filóloga alemá nas súas viaxes por Galicia, a onde chega en 1926, mergullándose na cultura local e coñecendo as súas xentes. A súa tese de doutoramento fai dela unha pioneira na historia da lingua galega.

Na súa estadía na nosa terra forxa tamén amizade con figuras da Xeración Nós e o libro tamén fala dos posteriores acontecementos vividos no seu país coa presenza do nazismo.

O autor e xornalista Óscar Losada reivindicou a necesidade de seguir divulgando a historia das mulleres, empregando a literatura como un mecanismo para tal fin. De aí a necesidade de escribir sobre mulleres como Sponer, quen, a xuízo do autor e xornalista, “é un exemplo do amor polo noso idioma.”

Xunto coa coautora e debuxante, Alba Ceide, disertaron sobre o proceso de concepción do cómic cunha exhaustiva investigación sobre a época na que transcorre a historia co obxectivo de que non houbese incongruencias, sobre todo, a nivel visual e, por suposto, sobre a propia filóloga alemá. Gran parte da información foi consultada no estudo Margot Sponer: do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa.

Pola súa parte, Ceide explicou que as imaxes seguen un deseño realista e que a filóloga alemá aparece representada baseándose nas dúas únicas fotografías que se conservan dela despois de que o réxime nazi procedese a borrar toda a información posible tralo seu asasinato. En canto á paleta de cores, a parte do cómic que transcorre en Galicia loce máis alegre, mentres que a da Alemaña resulta máis sombría.

Comparte este artigo