• A proposta presentada polo Goberno local contou co respaldo unánime da corporación municipal
• A alcaldesa destacou o carácter participativo dos investimentos presentados e que dan resposta a necesidades reiteradas pola veciñanza
O pleno de Ribeira aprobou esta mañá, de xeito unánime, a proposta para a súa participación no Plan Único de Concellos POS+ 2026 da Deputación da Coruña polo que o concello recibirá 1.305.833,84 euros. Presentada polo Goberno local, a proposta aprobada conta con investimentos en todas as parroquias contando para a súa elección “coa participación cidadá, a través da enquisa formulada, a escoita activa dos concelleiros nas parroquias, a necesidade e o equilibrio e a repercusión no interese público”, tal e como afirmou a alcaldesa. As obras, que responden todas á posta en marcha e melloras de servizos básicos da veciñanza, ven incrementada a disposición económica con respecto á proposta do pasado ano.
María Sampedro afirmaba que “o Concello adicará a investimentos necesarios máis de 900.000 euros, contando tamén co POS complementario porque as nosas parroquias son importantes e imos chegar a todas elas”. A proposta foi completada coa aprobación de 805.000 euros que se destinarán a gasto corrente “co fin de dar cobertura a obrigas económicas como o incremento dos contratos de servizos, actualizacións nos salarios do persoal, servizos prestados desde o eido municipal e mesmo cumprir a obriga co Plan Económico Financeiro que herdamos do anterior alcalde”, apuntou a rexedora.
“Sabemos que poderían existir outras tantas propostas de obras para acometer, mais temos que ser coherentes coas necesidades que máis se demandan e que poderán solucionar máis problemas, como é o caso da parroquia de Artes”, apuntou a alcaldesa, María Sampedro, quen lembrou ao voceiro do BNG que “vostede nin inventou a pólvora nin inventou o POS, e, por sorte, os saneamentos, os abastecementos e as pavimentacións chegaron a Ribeira moito antes que vostede”.
A alcaldesa enumerou e explicou as diferentes intervencións que se van a levar a cabo nas parroquias e que contaron co voto favorable de toda a corporación, sendo as seguintes:
– Olveira: Nova pista polideportiva descuberta no Colexio de Olveira 72.973,38€
– Ribeira: Pavimentación e instalación de servizos no Camiño do Carballal 140.993,99€
– Artes: Instalación de rede de pluviais entre Outeiro e Viñanova 118.775,33€
– Corrubedo: Renovación do parque infantil na Rúa Torreiro 98.985,27€
– Oleiros: pavimentación de varios caminos na parroquia de Oleiros – Camiño de Meixe, Camiño de Lixó e outros- 68.586,99€
– Palmeira: Pavimentación e abastecemento en Pedriñas e Lomba 84.744,52€
– Castiñeiras: Pavimentación e instalación de rede de pluviais en Rúa Mosqueiros 101.928,11€
– Carreira: Reforma da antiga Casa de Cultura 121.000€
– Aguiño: Pavimentación e renovación de servizos en Rúa Serriño 114.163,35€
Sampedro indicou que a proposta do goberno redundará nunha mellora notable de servizos e que de xeito paralelo o executivo seguirá acometendo obras de mellora necesarias tanto con fondos propios como con cargo a subvencións de outras administracións “a nosa líña de actuación é a de seguir traballando para dar resposta, no menor tempo posible, ás demandas dos ribeirenses. Ese é o noso compromiso con todos eles”.
Tahume XI
Por outra banda, o pleno tamén ratificou de xeito unánime a solicitude conxunta co Concello de Porto do Son para financiar o Obradoiro de Emprego “Tahume XI” e que chegará a 20 veciños e veciños de ambos concellos. A modalidades elixidas para o programa deste ano son as de trabalos de carpintaría e moble e a de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.
Segundo indicou a alcaldesa “repetimos a iniciativa exitosa con dúas especialidades que contan con moita demanda, e que busca fomentar a formación poñendo ao seu dispor ferramentas que faciliten a inserción laboral de persoas dos nosos municipios”. Sampedro tamén anunciou que a proposta inclúe a solicitude de incentivos á contratación destas persoas por partes de empresas unha vez rematado o obradoiro.



