Ribeira anima a captar as mellores instantáneas submarinas co quinto Campionato Infantil de Fotografía de Peixes

Redacción

 Este open terá lugar no 8 de agosto, na praia de Río Azor

As contornas mariñas seguen sendo obxecto de actividades durante o verán, polo que o Club Subacuático Sotavento, coa colaboración do Concello de Ribeira e outras entidades, organiza a quinta edición do Campionato Infantil de Fotografía de Peixes que terá lugar na praia de Río Azor, en Palmeira, no 8 de agosto, de 10.00 a 13.30 horas.

Trátase dun open dirixido a rapazada de 4 a 16 anos que deberán levar o seu propio material e estar acompañados por unha persoa adulta. Unha vez se teña a clasificación final, entregaranse os trofeos correspondentes.

No acto de presentación participaron o concelleiro de Deportes, Álex Vidal; a súa homóloga de Turismo, Ana Barreiro; Héctor Costa, en representación da Federación Galega de Actividades Subacuáticas; e José Aller, por parte de Sotavento.

O edil de Deportes gabou esta actividade por dar visibilidade a outras disciplinas con este cuarto campionato que se celebra por cuarto ano consecutivo no dito areal ribeirense; unha proba dirixida á rapazada.
“Dende o Concello de Ribeira consideramos que este tipo de actividades son moi proveitosas para a nosa rapazada, ademais de servir como un escaparate dos recursos turísticos cos que contamos en Ribeira como é a praia de Río Azor, que recibe a gran número de bañistas durante o verán, así como persoas que fan deporte pola contorna aproveitando que conecta co paseo de Coroso. Por iso, ratificamos o noso apoio a este open que pon en valor o noso litoral e captura a vida que se esconde nas nosas augas”, en palabras da concelleira de Turismo.

Pola súa parte, Costa apuntou que a finalidade é capturar co obxectivo o maior número posible de especies mariñas invertebradas, mentres que Aller destacou como se presta a praia de Río Azor paraeste campionato dados os animais que se poden atopar nas súas augas; razón pola que xa se ten celebrado o campionato galego e de España en anteriores anos.

Estímase unha participación de entre 15 e 20 nenos e nenas, permanecendo o prazo de inscrición aberto ata mañá a través do teléfono de contacto 659 411 036.

Comparte este artigo