Ribeira aproba un orzamento expansivo centrado no coidado das persoas e nos servizos básicos de calidade

Redacción

 Trátase do segundo máis elevado do municipio ao superar os 34 millóns de euros

O executivo local de Ribeira levou ao Pleno extraordinario da Corporación municipal do 28 de maio un orzamento para o exercicio de 2026 de 34.058.22’28 euros, situándose en 4.301.763’93 euros por riba do ano pasado, o que representa un incremento do 14’46%. A aprobación inicial ratificouse cos 13 votos a favor (PP, PBBI e 1 non adscrito) e 7 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e 1 non adscrito).

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, destacou que “con pouco máis de sete meses no mandato, este goberno foi quen de elaborar e presentar a proposta do orzamento municipal para o exercicio 2026.
Fixémolo no exercicio 2025, con apenas 30 días de mandato, e volvémolo a facer agora, por unha razón única e esencial: porque entendemos que cumprir é un acto de responsabilidade. O orzamento municipal é a ferramenta máis importante dun Concello porque determina que se pode facer, con que recursos e en que prazos. Sen orzamento aprobado, un Concello queda practicamente paralizado.”

En sentido similar tamén se pronunciou a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, para quen “a elaboración deste documento económico constitúe un dos actos de goberno máis transcendentes do exercicio, a través do cal se trata de presupostar de xeito prudente os ingresos que van permitir atender o gasto corrente necesario para garantir o funcionamento operativo dos servizos, destinando o excedente ao investimento.” Sobre a data na que se debate, aclarou que se agardou a contar cos datos procedentes doutras Administracións públicas para nivelar ingresos e gastos. Pouso apuntou que se equilibrarán as contas da Administración local en consonancia co Plan Económico Financeiro (PEF), “cumprindo cos obxectivos de estabilidade, regra de gasto e endebedamento.” Neste ano, dáse cumprimento ao PEF en 950.000 euros.

Orzamento expansivo

A rexedora cualificou este documento económico como “expansivo”, pois, “permitirá maiores investimentos, maior benestar, maiores cotas
de emprego e maior sustentabilidade. É dicir, coidamos aos veciños e atendemos servizos básicos de calidade como pavimentacións e iluminación.”

Darase cobertura así a tódolos gastos necesarios para manter a estrutura organizativa do Concello, principalmente gastos de persoal (28’66% do orzamento) e gastos correntes (47’60%), pero, sobre todo, “darase resposta ás demandas e necesidades da veciñanza de tódalas parroquias de Ribeira.”

Pola súa parte, a edil aclarou que, establecemento unha comparativa sen ter en conta os fondos FEDER, “o orzamento incrementaríase un 6’64%. Isto son máis de 2 millóns de euros a maiores grazas aos convenios e axudas que este equipo de goberno foi quen de xestionar para tódolos ribeirenses.”

Máis de 5 millóns de euros en investimentos

O investimento acada neste exercicio a cifra de 5.292.006’74 euros (un 15’54% do orzamento) para acometer actuacións como obras menores e pavimentacións nas parroquias, por 100.000 euros; melloras nos colexios, con 80.000 euros; o reforzo luminoso nas vías públicas, con 60.000 euros; a reposición da pasarela de madeira do paseo do Castro-A Catía, con 60.000 euros; intervencións nas redes de saneamento (58.000 euros) e auga potable (57.000 euros); ou a reparación do paseo marítimo do Touro- A Ameixida, con 42.000 euros. Aquí tamén se contempla a adecuación do salón de plenos da nova Casa do Concello, por 60.000 euros, e a adquisición de mobiliario para o consistorio, con 40.000 euros. A maiores, recóllense outros a executar con cargo a fondos europeos e do POS+2026.

En consecuencia, equipararase ao municipio con novas infraestruturas, ademais de mellorar e aumentar as prestacións básicas como se constata na partida destinada a pavimentacións, auga, saneamento e iluminación pública.

Destaca o incremento de servizos como a conciliación ou educación, entre outras cuestións. De feito, desenvolverase unha serie de “plans estratéxicos” orientados a ámbitos como a mantementos, pavimentacións, dinamización cultural, comercio, turismo, conciliación, colexios, lavadoiros, seguridade cidadá, mobilidade, mercados en prazas de abastos e posicionamento da marca de cidade.

Valoración do goberno municipal

En rolda de prensa, Sampedro referiuse ao posicionamento do BNG e do PSdeG-PSOE como “política barata” por desvirtuar todo o traballo e cobertura deste documento económico. Sobre os nacionalistas, a alcaldesa cualificou como “soberbia” a actitude da formación política nacionalista ao “falar deste goberno como inquilinos na casa de tódolos ribeirenses cando temos unha maioría sólida. Entón pode entenderse que eles eran okupas ao contar con tan só cinco concelleiros, pero insisten en vender a versión de que son o executivo lexítimo faltando ao respecto do que ditaminaron as urnas nas eleccións municipais e, en consecuencia, faltando á verdade.”

A mandataria local tamén se referiu á consecución de fondos europeos dos que “presume o señor Barral e todo o seu equipo, pero
non fala nin presume dos centos de miles de euros que se perderon para a dinamización do comercio. Tamén se atribúen a adquisición da fábrica de Cerqueira e a revitalización do barrio de Bandourrío como un triunfo deles, pero non falan de que ese proxecto está aprobado do 2022 estando o PP no goberno local.” Todo isto reafirma para a rexedora, que “eles son os que menten de maneira reiterada e sen ningún tipo de pudor á veciñanza, ademais de ser os do non: non ao comercio, non á conciliación, non á dinamización lingüística, non ao fortalecemento cultural. Votaron en contra de todo iso no que eles se postulan como abandeirados.”

Ao seu parecer, “ninguén da oposición debe saber como se elaboran uns orzamentos, pero tampouco é de estrañar vendo que nas súas
intervencións apenas se referían ao contido do expediente. O BNG acusounos de incluír unha previsión de ingreso de 300.000 euros en multas, pero esquécese o señor Barral de que nos dez meses que ostentou a Alcaldía no ano pasado, se recadaron máis de 275.000 euros en pago de sancións. O único que fixemos, foi tomar como estimación o ingresado no exercicio anterior. Todo isto demostra a total falta de coñecemento da oposición de como se elabora e funciona un documento económico.”

No que respecta ao PSdeG-PSOE, a primeira edil dixo que “se o que máis destaca o señor Suárez-Puerta é o importe para a adquisición do cortacésped para o campo de fútbol da Fieiteira, a formación socialista debería reflexionar sobre o proxecto de futuro que teñen para Ribeira e como defendelo.”

En sentido similar tamén se pronunciou a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, ao defender que “se reforzan partidas para
que este orzamento se centre no coidado das persoas e nos servizos. Mentres uns traballamos para o avance e progreso do municipio,
outros como o BNG e PSdeG-PSOE dedícanse a dicir non. Din non a este orzamento, un orzamento que garante o funcionamento dos servizos e atención das necesidades da poboación. O BNG que tanto presume da EDIL di non a parte das obras da mesma que recollen neste orzamento. Din non a melloras nos colexios, ao programa concilia, á recuperación do noso patrimonio histórico, ás pavimentacións de vías e dotación de servizos… En definitiva, onte dixeron non ao progreso de Ribeira engadindo o BNG na súa intervención o seu non para facilitar os terreos que sexan aptos para a construción da residencia de maiores. O equipo de goberno de Ribeira vai continuar a traballar sen descanso e en positivo para o avance e progreso de Ribeira.”

Pouso tamén sinalou que “os nacionalistas esquecen que estiveron na Alcaldía grazas ao apoio do PBBI, polo que non era o seu goberno
como el se atribuíu, era un tripartito. E que tampouco se esqueza de que, se foi quen de sacar adiante os orzamentos dos que tanto presume cando el estivo de alcalde, foi grazas a quen estivo traballando nas contas e nos documentos económicos que se debateron en Pleno estando eu mesma como concelleira de Economía e Facenda.”

Segunda fase do POS+Adicional

Durante a sesión plenaria tamén saíu adiante 13 votos a favor (PP, PBBI e 1 non adscrito) e 7 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e 1 non
adscrito) a participación do Concello de Ribeira na segunda fase do POS+Adicional 1/2026 da Deputación da Coruña por unha contía de aproximadamente 1.200.000 euros, dos cales 782.158’87 euros irán para a financiación do gasto corrente.

Comparte este artigo