HomeA CoruñaRibeira avalía a súa incorporación ao proxecto piloto Migramar Proemprego

Ribeira avalía a súa incorporación ao proxecto piloto Migramar Proemprego

- Anuncio -spot_img

 A iniciativa ten como obxectivo a regularización e o emprego

A concelleira de Emprego e Xuventude de Ribeira, Carmen Pérez, mantivo hoxe unha reunión con representantes da ONG Movemento pola Paz para coñecer o proxecto piloto Migramar Proemprego, financiado pola Fundación La Caixa.

Susana Fernández e Beatriz García, delegada e responsable da ONG, respectivamente, explicaron á edil, acompañada da orientadora laboral, Carolina Pampín, e da traballadora social, Silvia Sanjurjo, as liñas estratéxicas da iniciativa co obxectivo de que o Concello avalíe a súa incorporación.

Migramar Proemprego ten como obxectivos principais a regularización da situación das persoas inmigrantes e o emprego no sector do mar. Inicialmente, está dirixido a un total de 15 persoas da área de influencia de Barbanza e Noia, menores de 30 anos, procedentes de países da costa do norte de África e con algún tipo de experiencia previa no mundo da pesca.

O cronograma do proxecto arranca a comezos do 2026 coa capacitación dixital e a formación en idiomas para, antes do inicio do verán, comezar coa formación profesional no sector. A selección das persoas participantes farase previamente a través dun cuestionario que acredite que cumpran os requisitos para asistir ao proxecto.

A este respecto, a edil titular das áreas de Emprego e Xuventude, comprometeuse a estudar a viabilidade do proxecto en Ribeira, pois “resulta unha iniciativa moi interesante para regularizar a situación de xente moza a través da formación e o emprego no sector do mar dada a demanda que hai de traballo e, especialmente, tendo en conta que somos o principal porto de baixura de toda Europa.”

Publicacións Relacionadas