HomeA CoruñaRibeira camiñará a favor das protectoras de animais nunha andaina no 29...

Ribeira camiñará a favor das protectoras de animais nunha andaina no 29 de marzo coa participación de cans e cabalos

- Anuncio -spot_img

 O Concello colabora neste cita solidaria que terá tres modalidades

A solidariedade volve tomar forma de andaina en Ribeira para camiñar a favor de Save an Angel e Callejeros Barbanza que promove o Club Natural Sport con motivo do seu 30 aniversario, coa colaboración do Concello e varias entidades.

Esta cita convida a camiñar no domingo, 29 de marzo, a partir das 10.00 horas, con saída dende o cruceiro de Teira para facer un percorrido circular por Corrubedo de 10 quilómetros. Tamén se facilitarán dous puntos para acurtar o traxecto (no quilómetro 3 e 4) para quen non poida completar a totalidade do mesmo.

Ademais, haberá ruta canina, ás 09.45 horas, e cabalar, programada para as 09.30 horas. As persoas participantes nestas dúas modalidades deberán ter asegurados os seus respectivos animais.

O itinerario pasará a carón do Monte Facho para continuar ata Espiñeirido, seguir polo litoral de Corrubedo (faro, porto e praia da Ladeira) e regresar ao lugar de partida. Unha vez conclúa, poderase desfrutar dun pincho solidario e sesión vermú amenizada por Dúo Keima.
“Chega a primavera e o bo tempo anima a facer actividades no exterior, polo que teremos unha andaina solidaria nas inmediacións de Corrubedo que posibilitará, ademais de colaborar con dúas protectoras de animais, desfrutar de paraxes naturais de valor medioambiental e paisaxístico. Dende o Concello seguiremos apoiando este tipo de iniciativas onde conflúen solidariedade, deporte e paisaxe”, indica o edil de Medio Ambiente, Víctor Reiriz.

Un compromiso da Administración local ribeirense que tamén reitera o seu homólogo de Benestar Animal, Eladio Muñiz, para quen “teremos ocasión de facer este percorrido segundo tres modalidades: a andaina, a ruta canina e a ruta cabalar. Así, os animais non só serán os beneficiados por esta cita solidaria ao recadarse fondos para Save an Angel e Callejeros Barbanza, senón que tamén tomarán parte activa da mesma ao participar. Convidamos a que os veciños e veciñas tomen parte tamén cos seus cans e cabalos. Quero agradecer tamén o loable cometido destas protectoras e reafirmar a firmeza do Concello de seguir traballando e avanzando en materia de benestar animal.” Pola súa parte, Juan Luis Martínez, do Club Natural Sport, tivo palabras de agradecemento para as distintas partes implicadas nesta iniciativa na que, polo de agora, hai uns 60 participantes, se ben as inscricións permanecen abertas a través da páxina web www.galitiming.com por un importe de 5 euros, polo que o recadado irá a beneficio das referidas protectoras de animais. “É unha causa loable para axudar a dotar de medios e alimentos, polo que queremos colaborar dende este mare magnum de asociacións”, .

Á presentación tamén asistiron Juan Blanco, presidente fundador de Callejeros Barbanza; Jaudin Arboleda e José Javier Lojo, do Club Atletas Caninos; Moncho Sampedro, directivo da Asociación de Veciños de Carreira; e Manolo Castiñeiras, do Club Sachacamiños.

Publicacións Relacionadas