O BNG, a Asociación Cultural Altofalante e Galiza Nova organizan este venres 8 de novembro un magosto popular na praza do Concello de Ribeira, nunha xornada festiva e aberta a toda a veciñanza que dará comezo ás 19:30 horas. Disto informaron hoxe o responsable local do BNG, Rafa Pazos, os edís Luís Pérez e Cruz Rivadulla e o presidente da asociación cultural Alfofalante David Casais.
O programa inclúe diversas actividades para todas as idades. Ás 19:30 horas terá lugar a presentación do libro infantil “O Magosto de Brais”, do autor ribeirense Jorge Pérez Sampedro, unha obra ilustrada dirixida ao público máis novo. Xa ás 20:00 horas, o magosto continuará con xogos populares, música do DJ Jalaiko e reparto gratuíto de castañas. Ás 21:30 horas celebrarase unha queimada popular a cargo de Nando Llon, e a partir das 23:00 horas pecharase a festa cunha foliada aberta.
O presidente de Altofalante, David Casais, destacou que esta será a primeira vez que a asociación colabora na organización deste magosto popular, que chega á súa segunda edición. “Dende a Asociación Cultural Altofalante colaboramos por primeira vez na organización deste magosto popular. A nosa achega será a presentación do libro O Magosto de Brais, do veciño de Ribeira Jorge Pérez, un volume ilustrado dirixido ao público infantil. Pareceunos interesante incluílo, dada a situación de emerxencia lingüística na que nos atopamos, porque iniciativas como esta, feitas integramente en galego, axudan a dar a coñecer entre os máis pequenos unha das nosas tradicións populares máis propias, como é o magosto.”
Pola súa banda, o portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, subliñou que a cita quere ser un espazo de encontro e convivencia, de reivindicación da nosa cultura e das nosas tradicións. “O magosto é unha das celebracións máis senlleiras e queridas do noso país, e queremos que en Ribeira tamén teña o protagonismo que merece. Con esta xornada buscamos crear un punto de encontro para a veciñanza, no que poidamos compartir, celebrar e poñer en valor a nosa cultura, a nosa lingua e as nosas tradicións populares. É tamén unha maneira de fortalecer o tecido social e asociativo, e de demostrar que o galego e as nosas festas teñen futuro cando as facemos entre todas e todos.”
Desde as organizacións convidan á veciñanza de Ribeira e comarca a achegarse á praza do Concello para participar nesta celebración e desfrutar dunha tarde-noite de cultura, música e tradición galega.



