Ribeira correrá pola diversidade na duodécima edición da carreira promovida por Ambar

Redacción
Lectura mínima de 2

 O Concello de Ribeira colabora neste evento que introduce unha proba lúdica

A explanada de Coroso converterase en punto de encontro no domingo, 10 de maio, con motivo da XII Carreira pola Diversidade que promove Ambar coa colaboración do Concello de Ribeira e varias empresas. A cita deportiva comezará ás 10.00 horas mantendo o seu espírito inclusivo e solidario, contando cunha nova modalidade lúdica.

O concelleiro de Deportes, Álex Vidal, reiterou o apoio da Administración local polo “orgullo” que supón unha entidade como Ambar que traballa para “fomentar que as persoas con diversidade teñan unha autonomía total.” A isto engadiu que “mellorar a vida das persoas é o que move o mundo e fai cidade.”

Pola súa parte, a presidenta da entidade, Milagros Rey, explicou que os fondos recadados irá destinado ao proxecto Ecosistema de vivendas inclusivas e servizo de apoio á comunidade para mellorar as prestacións destes domicilios dirixidos ás persoas con diversidade funcional para que acaden unha maior autonomía. “Tras doce edicións, esta carreira xa non é só un evento deportivo; é o símbolo do noso compromiso coa inclusión e a convivencia”, declarou.

As categorías que integran esta proba son a 5K Zapatilla Absoluta, 5K Zapatilla inclusiva, 5K Cadeira de atletismo, modalidades infantís e actividade lúdica/andaina. Con respecto a esta última referiuse o responsable de deporte de Ambar, Joserra Figueira, quen indicou que está pensada para quen queira desfrutar da experiencia sen a presión do cronómetro e poderase ver a súa dinámica in situ o propio día do evento.

E tampouco faltarán as sorpresas como anunciou Jonatan Lijó, integrante do Equipo de Running da asociación, quen apuntou que levan moitos adestramentos para prepararse para esta carreira.

O prazo de inscricións permanecerá aberto ata as 23.59 horas do 5 de maio a través da páxina web www.cronotec.es por un importe de 7,50 euros. Tamén se dispón do Dorsal 0 para quen non poida asistir, pero decida igualmente colaborar coa asociación.

Comparte este artigo