A Concellería de Turismo de Ribeira pon en marcha unha nova edición do programa “Rúas Musicais” para dinamizar a Semana Santa a través da música ao vivo nos establecementos hostaleiros do municipio. A iniciativa busca fomentar a oferta cultural e de lecer, ofrecendo un apoio económico de ata 500 euros por concerto aos locais que desexen participar.
O programa está dirixido a aqueles establecementos que queiran organizar concertos durante o sábado 19 de abril en sesión vermú, vespertina ou nocturna (ata as 00:00 h como máximo). A Concellería de Turismo atenderá ata un máximo de seis solicitudes de colaboración, e no caso de haber máis inscricións, aplicarase un sistema de criterios de prioridade ou sorteo para determinar os beneficiarios.
Prioridade para novos participantes e artistas locais
Para a selección dos establecementos, darase preferencia a aqueles que nunca programaron concertos dentro de “Rúas Musicais”, aos que se unan para organizar eventos conxuntos, e aos que contraten bandas ou artistas do municipio. Se despois de aplicar estes criterios houbera máis solicitudes das prazas dispoñibles, realizarase un sorteo.
Francisco Suárez-Puerta, concelleiro de Turismo, explicou que “despois de reunirnos co párroco de Ribeira, acordamos que o día idóneo para realizar esta actividade debía ser o sábado, xa que non podía realizarse noutra data debido ao significado de cada unha das outras datas da Semana Santa”. Ademais, destacou que “esperamos que esta actividade manteña o éxito das xornadas realizadas durante o Nadal e que, desta forma, Ribeira se encha de vida, fomentando a dinamización da nosa hostalería e do comercio local”.
Como participar
Os establecementos interesados deben enviar un correo electrónico a turismo@ribeira.gal antes do 3 de abril ás 10:00 h indicando: – Nome e enderezo do establecemento.
– Nome do titular do negocio.
– Data e hora do concerto.
– Nome do grupo ou artista.
O establecemento será responsable de escoller e coordinar co grupo musical e os concertos deberán ser de acceso gratuíto.
Unha vez pechado o prazo de inscrición, comunicarase aos establecementos se foron seleccionados. Esta iniciativa forma parte da aposta do Concello de Ribeira por potenciar a cultura e o turismo, dinamizando a hostalería local e ofrecendo unha programación atractiva tanto para veciñanza como para visitantes durante a Semana Santa.