• A iniciativa, promovida por Grip Surf School en colaboración co Concello, busca mobilizar á veciñanza na protección e conservación do litoral ribeirense.
O Concello de Ribeira colaborará o vindeiro domingo 8 de marzo nunha nova xornada de limpeza do litoral en Corrubedo, unha iniciativa promovida por Grip Surf School co obxectivo de concienciar e actuar directamente na protección do noso entorno natural.
A actividade desenvolverase entre as 10:00 e as 13:00 horas, no tramo comprendido entre o inicio da praia da Ladeira e A Robeira, con posibilidade de ampliación ata a praia do Prado en función da participación. O punto de encontro será nas instalacións de Grip Surf School.
Trátase dunha xornada aberta a veciñanza e persoas voluntarias que desexen sumarse á recollida manual de residuos no litoral, nunha acción que combina compromiso ambiental e educación en valores de respecto e coidado do medio natural.
Dende o Concello de Ribeira destácase a importancia deste tipo de iniciativas de colaboración entre entidades privadas, tecido asociativo e administración pública, que contribúen a preservar un dos principais patrimonios do municipio: a súa costa.
O goberno local anima á cidadanía a participar activamente nesta xornada e a continuar implicándose na conservación dos nosos espazos naturais, fundamentais para a identidade, a calidade de vida e o atractivo turístico de Ribeira.



