Ribeira acolle desde hoxe e ata o domingo a IV edición da Feira Gastromar, un evento gastronómico que se consolida como escaparate dos produtos do mar da ría e que pon o acento na sustentabilidade e na colaboración entre administracións e sectores económicos.
O alcalde de Ribeira, xunto coa conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, a deputada provincial Soledad Agra, representantes da Deputación, alcaldes da comarca, edís da Corporación, representantes económicos e o presidente da Asociación de Empresarios, inauguraron esta mañá unha cita que enche a cidade de degustacións, showcookings, música e actividades para todos os públicos.
O mar como motor económico e cultural
Na súa intervención, o rexedor destacou que “vivimos da ría, e a ría vive de nós”, subliñando a importancia de preservar o medio mariño para garantir o futuro das próximas xeracións. Así mesmo, puxo en valor a calidade e diversidade dos produtos locais: ameixas, navallas, sardiñas, xoubas, xurelos, lirio de Ribeira e, como novidade este ano, peixe espada e hamburguesas de lirio pensadas para os máis pequenos.
Pérez Barral destacou a colaboración da Sociedade Cooperativa Santa Uxía (OPP83), que entregou lirio e sardiñas para ser degustados durante a feira, exemplificando o compromiso da frota coa calidade, a frescura e a sustentabilidade dos seus produtos.
O alcalde agradeceu o esforzo conxunto das diferentes institucións e entidades colaboradoras: o Concello de Ribeira que colabora cunha achega de 20.000 euros, a Xunta e a Deputación da Coruña, así como entidades económicas, confrarías, cooperativas e produtoras locais. “Gastromar é a proba de que a unión de esforzos fai posible proxectos tan positivos como este”, destacou.
Un programa variado e familiar
A Feira ofrece durante tres días degustacións abertas ao público, obradoiros familiares, showcookings a cargo de cociñeiros de prestixio como Javier Fernández, actividades infantís e concertos, converténdose nun espazo de encontro entre tradición mariñeira e innovación culinaria. “Gastromar é gastronomía e tamén compromiso coa nosa identidade mariñeira, coa protección do medio e coa oportunidade económica do territorio”, concluíu o alcalde, convidando á cidadanía e visitantes a gozar desta cuarta edición.