HomeA CoruñaRibeira inxecta 1 millón de euros para reducir a súa débeda e...

Ribeira inxecta 1 millón de euros para reducir a súa débeda e pagar menos xuros

- Anuncio -spot_img

O pleno ordinario do mes de xullo aprobou un crédito extraordinario para rebaixar a débeda do Concello coa suma dos 11 votos a dos grupos que conforman o Goberno por 10 abstencións do PP. Tamén se modificou a taxa pola retirada, inmobilización e depósito de vehículos coa suma dos 11 votos a favor do BNG, PBBI e PSdeG por 10 en contra do PP e aprobouse por unanimidade unha proposta sobre a ampliación do catálogo da Policía Nacional e Policía Local.

Non saíuron adiante as subvencións nominativas á entidades sociais de Ribeira polos 15 votos en contra do PP e do PBBI por 6 a favor da suma do BNG e o PSdeG.

Ratificación das subvencións nominativas do orzamento 2024

A día de hoxe o Orzamento do Concello de Ribeira atópase en situación de prórroga. Debido a isto, a concesión das subvencións nominativas reflectidas no orzamento de 2024 non se entende prorrogada polo que debe ser ratificada novamente polo Pleno da Corporación a través da modificación da Base nº 51 de execución do orzamento.

O rexedor ribeirense, Luís Pérez, introduciu a proposta informando que cando se prorroga un orzamento non se prorrogan tódalas partidas orzamentarias que hai no mesmo senón que “hai que facer modificacións puntuais coma a que nos ocupa”. O rexedor indicou que a cantidade que corresponde ás subvencións nominativas ascende a 353.000 euros e están destinadas a asociacións e entidades de carácter, social, económicas, deportivas e culturais do municipio.

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso na súa quenda de palabra manifistou o disenso do seu grupo á proposta por varias razóns; a primeira, polo incremento do ratio de 3,2% marcado polo PEF (Plan Económico Financeiro) con respecto á subida anual que nesta proposta presentada chega a un 16% e segundo por estar en desacordo coa subvención nominativa de Mares do Fin do Mundo porque segundo indica “non se lle aprecia retorno económico” e tamén manifestou o desacordo co incremento da partida da Mancomunidade Barbanza Arousa e o que se paga a maiores da subvención nominativa correspondente á Festa da Dorna.

Pérez Barral argumentou que a subida dun 16% nas subvencións nominativas, xa que dos 50.000 euros de incremento con respecto ao
ano anterior, 40.000€ correspóndense cunha obriga aprobada por unanimidade en Pleno para o Encontro de Embarcacións Tradicionais organizado por Culturmar –de carácter puntual neste exercicio–, e os 10.000€ restantes proceden dun acordo adoptado pola Mancomunidade de Concellos da Arousa Norte. Polo tanto, non existe tal incremento estrutural no gasto senón o cumprimento de compromisos institucionais xa asumidos. Barral defendeu que a subvención nominativa do festival Mares do Fin do Mundo que ascende a 18.000 euros e que a maiores está subvencionada pola Deputación da Coruña e pola Xunta de Galicia, “é unha subvención asumible para cinco xornadas onde hai actividades de mañá, tarde e noite”. A maiores informou que outros concellos menores que aloxaron o festival deron contías maiores para a súa organización e recordou do compromiso adquirido para “reforzar e desestacionalizar as ofertas culturais e deportivas durante o ano”. Ao respecto do aumento da partida da Mancomunidade argumentou que a subida ven marcada por dous factores; polo mantemento dos sendeiros e o Camiño de Santiago en tódolos concellos da Mancomunidade e polo drástico recorte da Axencia de Turismo de Galicia no convenio coa Mancomunidade que ascende 60.000 euros.

As subvencións correspondían ás seguintes actividades e contías: Ambar (3.400€), Amicos (3.400€), A Creba (3.400€), Faiben (3.400€),
Asociación Antidroga Renacer (3.400€), Cáritas (3.400€), Asociación Española contra o Cancro (3.400€), Cruz Vermella (3.400€), ICE Renovación (3.400€), Asociación para o Acompañamento Persoal e Educativo (3.400€). Confraría da Dorna (40.000€), Confraría de Carreira e Aguiño pola Festa da Navalla (15.000€), Asociación Cultural O Serriño pola festa da Navalla (4.000€), Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo por 5 días de Mostra Internacional de Cine (18.000€), Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza (40.000€), Museo do Gravado de Artes (15.500€), Museo Etnográfico de Artes (15.000€), Liceo Marítimo (2.500€), Museo do Pobo Galego (150€). Asociación de Empresarios e Empresarias de Ribeira (45.000€), Asociación Reventapistóns (5.500€). Universidade de Santiago de Compostela polo programa de maiores (18.000€). Club Náutico de Ribeira pola escola de vela (3.500€), Lajareu por Barlovento promoción da vela tradicional (2.000€). Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (2.100€), FEGAMP (2.000€), FEMP (2.000€), Fundación Galega contra o Narcotráfico (2.500€), Fundación Ruta Xacobea Mar de Arousa e Ulla (601€), Mancomunidade Arousa Norte (65.000€), Cidades pola Bicileta (600€), Red Innpulso (1.500€), Grupo de Acción Costeira (1.000€), Eixo Atlántico (12.600€), Agrupación Desenvolvemento Local (5.050€).

Finalmente a proposta da prorroga decaeu coa suma dos 15 votos en contra do PP e do PBBI por 6 a favor da suma do BNG e o PSdeG. Modificación da ordenanza fiscal da taxa pola retirada, inmobilización e depósito de vehículos na vía pública e camiños adxacentes
Esta modificación da ordenanza fiscal da taxa pola retirada, inmobilización e depósito de vehículos na vía pública do concello vén abalada polos informes favorables de tesouraría e intervención municipal e da secretaría que concreta que as tarifas vixentes son sensiblemente inferiores ao custe do servizo que ten que asumir o concello e polo tanto é deficitario e polo tanto hai que revisalas e facer unha subida das tarifas.

O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, salientou que “a adaptación dos prezos é unha necesidade que pouca pouco pasará con diferentes taxas”, e engadiu “quen incumpre algunha norma, sexa de forma deliberada o inconsciente, terá que pagar a correspondente sanción”.

A edil de Facenda comentou na súa quenda que “o que estamos facendo é nivelar os custos que lle acarrea ao Concello tendo en conta que o facemos a través dun servizo que está externalizado”.

A concelleira de Promoción Económica, Genoveva Betanzos, indicou que a maioría da poboación cumpre coas normas de tráfico e “non é xusto que sexan estes os que acaben sufragando o servizo a través dos impostos xerais”. O servizo de guindastre non pode continuar financiado a perdas, xa que iso supón que o conxunto da veciñanza está a asumir uns custos xerados por infraccións individuais. rematou falando do efecto disuasorio que terá dita revisión de prezos.

Desta maneira os vehículos lixeiros (coches) pasan de 100€ a 129€, as motocicletas de 75€ a 104€ e a inmobilización do vehículo de 50€ a 79€.
A modificación da taxa saíu adiante coa suma dos 11 votos a favor do BNG, PBBI e PSdeG por 10 en contra do PP.
Aprobación de crédito extraordinario para a amortización do préstamo investimentos 2024

Segundo introduciu o alcalde, con esta proposta o que se pretende é levar adiante unha redución da débeda do Concello por un valor de 1 millón de euros; esto significa que os veciños e veciñas de Ribeira, “pagaremos menos xuros xa que se amortizaría unha boa parte dos créditos realizados para o orzamento do 2024 que correspondían cos investimentos”.

Con esta aprobación de crédito extraordinario reducirase a débeda que pasaría ao final de ano dun 47,6 % a un 44%. Pérez Barral explicou que a razón de rebaixar a débeda “non é un fin en si mesmo” senón que se pretende reducir a débeda “para destinar os recursos a outras actuacións máis prioritarias como saneamentos, pavimentacións ou dotación de auga máis que pagar os xuros que está xerando a débeda que ten o Concello”. Considera que é unha cuestión de responsabilidade política para que “o Concello de Ribeira vaia reducindo o seu nivel de endebedamento”.

Pola súa banda, a concelleira de Facenda explicou polo miúdo a situación de endebedamento do concello e dou conta que o remanente de tesourería para gastos xerais era de 5.502.000 euros dos cales se utilizaron 577.101 euros para un crédito extraordinario máis un suplemento de crédito de 89.030 euros e que “a día de hoxe temos un remanente dispoñible de 4.835.000 euros”, informou Pouso.
Tendo en conta o marco legal que rexe a administración local, establece a obrigatoriedade de utilizar ese remanente de tesourería para á amortización anticipada da débeda.

A concelleira Antía Alberte puxo en valor este esforzo en reducir débeda e detallou que se está a xestionar as contas municipais cunha lousa
importante ao haber no momento de chegar ao goberno unha débeda acumulada de máis 13 millóns de euros así como o pagamento dun millón de euros que houbo que facer nos primeiros 100 días de mandato por facturas atrasadas.

A aprobación do crédito saíu adiante finalmente coa suma dos 11 votos a favor dos grupos de Goberno e 10 abstencións do PP. Ampliación do catálogo da plantilla da Policía Nacional e Policía Local

Esta proposición expuxo entre outras medidas, que o Concello de Ribeira solicite ao Goberno central a ampliación do catálogo da plantilla da Comisaría de Ribeira, que a través do seu orzamento municipal, cree para este ano dotación económica para aumentar a plantilla da Policía Local con todas as vacantes que a lei permite, axilizar e anticipar os procedementos de contratación que permitan cubrir as xubilacións de xeito inmediato e que a celebración da Xunta Local de Seguridade se faga celebre cuadrimestrelmente.

Suárez-Puerta no seu quenda de palabra aludiu “que quizás sexa unha sensación pero non é unha realidade, se botamos unha ollada ás enquisas oficiais que sinalan que a primeira preocupación é a vivenda, o paro e a emigración que no caso de Ribeira non temos ese problema porque aquí están moi ben intégraos de fai tempo”. Colomer indicou que o reforzo da policía tense que limitar á legalidade, “incluso co aumento que piden non chegaría a capacidade de reacción para paliar certos episodios acontecidos recentemente” e segundo tenente de alcalde rematou a súa intervención certificando que “Ribeira é un lugar seguro, é a miña sensación; si que hai problemas recorrentes pero dende fai moitos anos como é o consumo de drogas ou episodios puntuais que poden pasar nunha cidade de 27.000 habitantes. O delito cero non existe”.

O tenente alcalde, Vicente Mariño, comezou a súa intervención: “non imos facer alarmismo pero o delincuente en España encontra unha zona de confort e iso é un problema”. Mariño retrotraeuse aos tempos onde existía o cuartel da Garda Civil na actual praza do Centenario.
Pola súa banda a edil, Antía Alberte, repasou o actual estado en efectivos da Policía Local sinalando que dende que está este Goberno se incorporaron á plantilla 3 novos axentes, informou tamén que se está a tramitar a adquisición dun novo vehículo que permitirá facer máis patrullas e aumentar a presenza policial.

A continuación informou polo miúdo da plantilla da Policía Local salientando que consta na actualizade dun inspector xefe, 4 oficiais –da cal unha praza está vacante–, 15 policías totalmente operativos, 1 policía facendo trámites administrativos, dous policías en réxime de de segunda actividade adscritos á propia Policía Local, e outros dous que un están adscritos a Urbanismo e Medio Ambiente e finalmente temos 12 auxiliares durante 6 meses dos cales 4 están de xaneiro até xullo e os restantes de xullo até decembro; todo isto suma un total de 33 axentes.

Alberte argumentou que a seguridade debe tratarse dunha forma transversal, non só con policías; indicou que é importante actuar en outras cuestións como por exemplo “o desaloxo do edificio ocupa para incorporalo a un edificio de alugueiro asumíbel”, tamén axudar as persoas que teñen problemas coas drogras en colaboración estreita coa Unidade de Condutas Adictivas ou estar coordinados cos centros educativos do municipio para facer campañas de prevención xunto aos educadores e educadoras.
Finalmente a proposición foi aprobada por unanimidade.
Para rematar aprobouse por puntos proposta do PP sobre as actuacións nos estacionamentos situados na contorna do IES Leliadoura e no IES Nº 1 así como un aumento da partida de Educación para atender o mantemento dos colexios públicos.

Publicacións Relacionadas