HomeA CoruñaRibeira reforza a oferta formativa aos maiores con seminarios de cinema e...

Ribeira reforza a oferta formativa aos maiores con seminarios de cinema e patrimonio

- Anuncio -spot_img

 O prazo de inscricións xa está aberto

A formación dirixida a maiores de 50 anos refórzase en Ribeira con dous novos seminarios do IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a impartir durante este cuadrimestre. A alcaldesa, María Sampedro; a concelleira de Formación, Nucha Brión; e a directora de dito ciclo, Esther Olveira, presentaron estas dúas novas accións formativas que versarán sobre o audiovisual e o patrimonio.
“A formación universitaria sempre tivo dentro do seu alumnado unha presenza considerable de maiores ribeirenses. Isto motivou que, no 2020, o Concello e a USC subscribisen un acordo de colaboración para converter ao noso municipio en sede do IV Ciclo e así garantir a aprendizaxe universitaria aos maiores de 50 anos sen ter que desprazarse a Santiago de Compostela. Deste xeito, o noso concello converteuse na primeira sede externa da USC. O noso compromiso co fomento dos estudos vai máis aló. E, por iso, ademais das materias que chegan cada ano con este curso, traemos tamén dous seminarios que amplían a oferta de ensinanza”, en palabras da rexedora. Neste senso, engadiu que se avaliará a posibilidade de incorporar un terceiro seminario, ademais de materias/obradoiro sobre Intelixencia Artificial.

Pola súa parte, Esther Olveira, incidiu na boa acollida que teñen as propostas da Universidade entre a cidadanía de Ribeira. De feito, o número de persoas participantes creceu ao longo dos anos, pasando de 28 persoas nos seus inicios, ás 57 actuais. Como afirmou a directora do ciclo, a finalidade é que, a través do programa formativo, os asistentes “sigan sendo axentes activos da sociedade.” Manuel Gómez Santos e Juan Salvador López Outeiral achegarán coñecementos sobre o cinema con Obradoiro de ficción audiovisual II Maiores e Creatividade, no 10 e 17 de novembro para, no 1 de decembro, levar á práctica todo o aprendido mediante unha rodaxe, cuxo resultado se proxectará no 15 de xaneiro de 2026. O obxectivo é elaborar unha curtametraxe na que se aplicarán habilidades dixitais, comunicativas e artísticas.

Esta é a segunda vez que se pon o foco no audiovisual dentro do IV Ciclo da USC e, dada a boa acollida desta materia no curso pasado, amplíase a oferta formativa en cinema a través dunha colaboración, na que se contará co director de cine, Manuel Gómez, premio Goya.

Doutra banda, Victoriano Nodar Fernández fará afondar ao alumnado na Idade Media con Os primeiros castelos de Galicia: a chegada do
románico, no 15, 18 e 19 de decembro. Permitirá aprender máis sobre a historia destas estruturas que, ademais da súa función militar e defensiva, erixíanse como a representación do poder señorial e os estamentos dentro da sociedade medieval.

Ambos seminarios terán lugar no Centro Cultural Lustres Rivas, en horario de 10.00 a 12.00 horas, nas datas anteriormente indicadas.
As inscricións deberán formalizarse a través do teléfono de contacto 881 814 588 ou da secretaría virtual da USC, onde tamén se pode consultar o prezo da matrícula.

IV Ciclo no curso 2025-2026

Cómpre lembrar que a Universidade de Santiago de Compostela imparte nove materias ao abeiro do IV Ciclo no curso 2025-2026 que se traduce na obtención do Diploma Sénior. Así, veciños e veciñas asisten neste ano académico ás seguintes leccións: Introdución á zooloxía, co profesor doutor J. Carlos Otero; Fundamentos de dereito, con Xaime Requeixo; Medio ambiente, da man de Pilar Brocos; Introdución á ópera, a cargo de David Facal, Ana Nieto e Alba Felpete; Novos medios, novas oportunidades, con María González e Lusine Grigoryan; Invitación a un concerto. Educación pola música, tamén con María González e Lusine Grigoryan; O retrato. Unha visión desde a socioloxía da arte, con Nelly Fortes; Historia do cinema galega, con Álvaro Dosil; e Arquitectura moderna, con Victoriano Nodar.

Publicacións Relacionadas